A Consellería de Cultura e Educación está a cumprir co establecido no decreto do plurilingüismo, que se aplica con normalidade no sistema educativo galego

O departamento educativo da Xunta de Galicia non ten ningún indicio que leve a pensar nunha deriva desfavorable para o galego no ensino

Xov, 19/06/2014 - 19:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a cumprir co establecido no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, unha norma que se está a aplicar con normalidade en todo o sistema educativo galego, malia ao que sinale o comunicado difundido hoxe pola Real Academia Galega. Neste sentido, cómpre salientar que non existen indicios que leven á Consellería a pensar en ningunha deriva desfavorable para o galego no ámbito educativo, pois de habelos inmediatamente se terían tomado as medidas para a súa corrección.

Cultura e Educación fai un seguimento da utilización equilibrada de galego e castelán e da elaboración dos proxectos lingüísticos de centro (PLC), para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia. Deste xeito, a Consellería está en condicións de asegurar que se están aplicando e cumprindo a disposición adicional quinta e mais o artigo 14.5 do decreto. En calquera caso, a normativa vixente non contempla a obrigatoriedade de facer públicos os datos achegados polos centros ás autoridades educativas, senón que tal e como indica o artigo 14º.3 da Lei de Normalización Lingüística “garantirán que ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán”.

Cómpre sinalar que o sistema educativo está a desenvolver un papel fundamental no proceso de normalización da lingua galega, ao igual ca outros ámbitos sociais de forte incidencia na activación dos usos do idioma. Para iso, a Consellería traballa - a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- no impulso da nosa lingua propia por medio de diferentes iniciativas de dinamización, dirixidas de forma especial ás idades máis novas, tanto no marco da escola como do lecer e o tempo libre.