Cultura e Educación cede o Salón Teatro para as funcións especiais da Asociación Cultural e Musical Solfa e da Fundación Down Compostela

O espazo compostelán acolle este venres día 20, ás 20.30 horas, o concerto de fin de curso da Coral e da Banda de Música Solfa

O grupo de teatro da Fundación Down porá en escena a montaxe ‘Las pruebas de Hércules’ o venres 27, ás 21.00 horas

Mér, 18/06/2014 - 10:22
da Asociación Cultural e Musical Solfa
Banda de Música da Asociación Cultural e Musical Solfa

O Salón Teatro Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entra na recta final da súa programación de xuño con dúas sesións especiais de música e de teatro promovidas respectivamente pola Asociación Cultural e Musical Solfa e a Fundación Down Compostela.

O escenario do espazo compostelán cédese este venres día 20 para o concerto de fin de curso que a Coral e a Banda de Música de Solfa ofrecerán a partir das 20.30 horas. Baixo a dirección de Francisco Tobar Cereijo, a Coral abrirá este recital cun repertorio que vai desde poemas do século XVI de Luís de Camões ata poetas do século XX como Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, sen descoidar a nosa música popular. De seguido, a Banda de Música, con Fernando Rey Mayo á batuta, interpretará bandas sonoras de coñecidas películas internacionais.

A asociación compostelá Solfa botou a andar en 1997, centrando o seu labor na formación musical de alumnos de todas as idades. Froito destes anos de traballo, logrou constituír tanto unha banda de música integrada por 28 instrumentistas como unha agrupación coral que conforman 30 persoas.

Estrea en Santiago

Pola súa banda, o venres 27 de xuño ás 21.00 horas a Fundación Down Compostela regresará por terceiro ano consecutivo ao Salón Teatro para estrear a nova proposta do seu grupo teatral. Desta volta, porá en escena ‘Las pruebas de Hércules’, o sexto espectáculo realizado pola compañía de Down Compostela no marco do seu programa de actividades, que ten entre as súas prioridades garantir ás persoas con discapacidade intelectual maiores cotas de independencia e de participación social.

A entrada para asistir a ambas as citas do 20 e 27 de xuño é gratuíta, previa retirada dos convites no despacho de billetes do Salón Teatro, que abrirá ao público desde dúas horas antes do comezo dos espectáculos.