A Consellería de Cultura e Educación participa na exposición e entrega autonómica dos XXXIII premios do concurso nacional ‘Que é un rei para ti?’

No acto celebrado no MUPEGA entregáronse os premios os alumnos galardoados e deuse a coñecer o nome do gañador autonómico, que representará a Galicia na audiencia co Rei
Ven, 13/06/2014 - 20:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou esta mañá na entrega de premios de Galicia do XXXIII Concurso Nacional ‘Que é un rei para ti?’ organizado pola Fundación Institucional Española (FIES) e dirixido a escolares con idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos. Nesta edición do certame participaron 2.102 alumnos e alumnas procedentes de 130 centros galegos, dos cales corenta acudiron ao MUPEGA como finalistas.

No acto, celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), fíxose entrega dos premios aos alumnos galardoados na fase autonómica galega e deuse a coñecer o nome da gañadora do concurso por Galicia, Saray Pérez Cives, do colexio CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo de Cee, que estuda 4º de primaria e representará á Comunidade Autónoma na audiencia co Rei. José Manuel Pinal mostrouse convencido de que para Saray será unha experiencia inesquecible, “non só por poder coñecer e saudar en persoa a quen tanto che inspirou, senón tamén polas compañeiras e compañeiros premiados de outras comunidades que vas coñecer”.

A edición deste ano é “un fito histórico, –dixo–  un antes e un despois na historia do concurso. A abdicación da Súa Maxestade no seu fillo, o Príncipe Felipe, converte esta trinta e tres edición na derradeira en que os nenos e nenas expliquen o que significa unha figura histórica como o monarca Juan Carlos I para eles”.

O certame

O concurso premia a aqueles nenos e nenas que atopan un xeito creativo de mostrar unha figura institucional como é o Rei, amosando a visión persoal dos rapaces marcada pola súa curta idade, que analiza unha figura institucional coa que conviven dende antes incluso de teren memoria.

Ademais, a través da realización destes traballos, as alumnas e alumnos coñecen a figura da súa Maxestade dun xeito ameno ao mesmo tempo que aprenden valores como democracia, liberdade, diálogo e convivencia pacífica imprescindibles na construcción dunha sociedade culta e democrática.

Como en cada edición, o FIES organizará un acto no que se exporán os 21 traballos gañadores e a que acudirán os alumnos acompañados polos seus profesores e familiares e na que terá lugar unha entrega de diplomas, figuras e agasallos.

A fundación

A Fundación Institucional Española (FIES) é unha fundación cultural privada creada no ano 1976 co fin de fomentar e estimular o estudo da Monarquía como institución, fomentar o coñecemento e o respecto as persoas que a encarnan, divulgar os beneficios da Monarquía e facer promocións das iniciativas que promovan a divulgación e formación da sociedade nos valores de convivencia e solidariedade, como reflexo da liberdade e pluralidade propugnada pola Coroa na España actual.