Xesús Vázquez Abad presenta o ciclo ‘Do Audible’, unha iniciativa que ten como obxectivo “tender pontes entre a música contemporánea e outros campos de expresión”

A proposta musical presentada hoxe está composta por catro concertos de entrada gratuíta nas cidades de Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra

‘Do Audible’ combinará en cada unha das sesións unha charla introdutoria coa actuación da formación Vertixe Sonora Ensemble

Ven, 13/06/2014 - 12:35
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe na Cidade da Cultura o ciclo ‘Do Audible’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe na Cidade da Cultura o ciclo ‘Do Audible’. Segundo o conselleiro, esta proposta ten como obxectivo “tender pontes entre a música contemporánea e outros campos de expresión como a ciencia, a arte e o pensamento”.

Vázquez Abad, que estivo acompañado na presentación polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou que ‘Do Audible’ está composto por catro concertos, todos eles con entrada gratuíta, nas cidades de Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra. Cada actuación organizarase arredor dun foco temático: o tacto, o universo, o mar e o diabólico, e irá precedido por unha charla introdutoria a cargo de relevantes personalidades do mundo da cultura e a música contemporánea. Tras o encontro persoal entre os axentes que van confluír nas distintas sesións programadas, a formación Vertixe Sonora Ensemble encargarase de interpretar as pezas escollidas para a ocasión, sendo algunhas delas estra mundial.

En palabras do titular de Cultura e Educación, “será un privilexio contar un ano más co participación de Vertixe Sonora, un referente indiscutible da música contemporánea en Galicia”. “Este grupo artistas levan catro anos achegándonos propostas interesantísimas a través da transgresión e a vangarda, pero procurando sempre a excelencia artística”, explicou. Por último, o conselleiro desexou que o ciclo “teña tan boa acollida coma na edición pasada e que as experiencia que se propoñen resulten enriquecedoras para todos”.

Catro citas irrepetibles

‘Tactus’ será o concerto encargado de abrir o programa na sala multiúsos do Campus de Ourense o próximo 19 de xuño. A charla introdutoria correrá ao cargo de Ana Romaní que contará coa colaboración da Aula de Acordeón do Conservatorio Profesional de Ourense. A continuación, Vertixe Sonora Esemble fará a estrea mundial de ‘Encomenda’.

Fronte ao mar de Vigo, no Museo do Mar de Galicia atracarán descoñecidos portos sonoros co concerto ‘O canto das baleas’. Nesta ocasión, o crítico de música contemporánea e autor da guía ‘La música del siglo XX’, Francisco Ramos, introducirá o evento cunha charla divulgativa para dar a coñecer algunhas das obras mestras inspiradas no mar. 

Aproveitando as posibilidades de especialización que ofrece o planetario da Casa das Ciencias da Coruña chegará, o 11 de outubro, ‘A música das esferas’ unha proposta multisensorial que permitirá aos asistentes percorrer afastadas galaxias sonoras da man do profesor, ensaísta e comisario, Lluís Nacenta. 

O ciclo pecharase o 14 de novembro no Museo de Pontevedra co concerto ‘A música e o diabólico’, no que Enrique Gavilán, autor de ‘Otra historia del tiempo’ e a agrupación convidada ‘Distracfold Ensemble’, farán reflexionar aos asistentes sobre a estraña capacidade “diabólica” para a sedución e a súa relación co sonoro.

Vertixe Sonora Ensemble

Dende a súa aparición no ano 2010, Vertixe Sonora Esemble converteuse nun auténtico revulsivo da sociedade galega. A súa permanente estrea de obras novas permite que Galicia participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e desafiante. Un referente insubstituíble para a última xeración internacional de compositores que atopa nas súas producións a oportunidade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva global en permanente estado de convulsión, na procura da excelencia artística.

Integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, Vertixe Sonora Ensemble conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza. A partir dunha consciencia da multiplicidade no achegamento ao sonoro, establece un constante diálogo e interacción co pensamento, coa ciencia, coa tecnoloxía e con outras formas artísticas para favorecer un espazo aberto á reflexión, á discusión e ao intercambio no campo da música contemporánea.