O decreto de FP Básica continúa o seu trámite despois de que o pleno do Consello Escolar de Galicia rexeitara as emendas á totalidade do texto

A Consellería estudará a incorporación ao texto das 4 emendas aprobadas na reunión desta tarde, todas elas referidas ao establecemento dunha ratio de 15 alumnos por aula nesta nova modalidade da Formación Profesional

O texto pasará agora polos órganos sectoriais da Xunta, polo Consello Consultivo e polo Consello Galego de FP antes de ser sometido á aprobación do Consello da Xunta, previa á súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Xov, 12/06/2014 - 22:04
 O decreto de FP Básica continúa o seu trámite despois de que o pleno do Consell
O decreto de FP Básica continúa o seu trámite despois de que o pleno do Consello Escolar de Galicia rexeitara as emendas á totalidade do texto

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continuará co trámite do decreto polo que se regula a Formación Profesional Básica despois de que o pleno do Consello Escolar de Galicia rexeitara esta tarde as emendas á totalidade do texto. Froito do debate neste órgano do articulado do decreto, a Consellería estudará a incorporación ao texto das 4 emendas aprobadas esta tarde polo pleno, referidas todas ao establecemento dunha ratio de 15 alumnos por aula  - no canto dos 30 que figuraban no texto- nesta nova modalidade da Formación Profesional. Estas emendas foron presentada por varias organizacións sindicais, así como por representantes do ensino concertado. Por outra banda, a Consellería aceptou outra emenda, meramente formal, que será inserida no decreto.

A Consellería valora positivamente a reunión do Consello Escolar desta tarde, na que todos os axentes educativos implicados tiveron a oportunidade de presentar as súas propostas arredor do articulado, e na que non se produciu a negativa ao diálogo que amosaran previamente as organizacións sindicais na mesa sectorial.

Tras a incorporación das devanditas emendas, o texto pasará agora polos órganos sectoriais da Xunta (Orzamentos, Igualdade,...) polo Consello Consultivo e polo Consello Galego de FP antes de ser sometido á aprobación do Consello da Xunta, previa á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.