A Consellería de Cultura e Educación lamenta pronunciamentos alleos á institución universitaria no caso da titulación de Enxeñaría Física para o Campus de Ourense, sobre aspectos que lle corresponden a órganos técnicos

Cómpre lembrar que a autorización non depende da Xunta, senón do informe favorable da axencia avaliadora independente, a ACSUG, e máis da aprobación do Consello Galego de Universidades

De terse producido a votación no Consello Galego de Universidades, tanto a UDC como a USC, así como outros representantes, terían votado en contra da autorización

Mér, 11/06/2014 - 18:45
 A Consellería de Cultura e Educación lamenta pronunciamentos alleos á instituci
A Consellería de Cultura e Educación lamenta pronunciamentos alleos á institución universitaria no caso da titulación de Enxeñaría Física para o Campus de Ourense, sobre aspectos que lle corresponden a órganos técnicos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta pronunciamentos alleos á institución universitaria no caso da titulación de Enxeñaría Física para o Campus de Ourense, que tan só poden ser responsabilidade de órganos técnicos que teñen un carácter independente e autónomo da Consellería.

A autorización da titulación, polo tanto, non depende da Xunta, senón do informe favorable da axencia avaliadora independente, a ACSUG, e máis da aprobación do Consello Galego de Universidades. Neste sentido cómpre lembrar que a ACSUG considerou que existían moitas dúbidas arredor da proposta presentada pola UVigo. Deste xeito, de terse sometido a autorización a votación no Consello Galego de Universidades, tanto a Universidade da Coruña como a de Santiago de Compostela, así como outros representantes, tería votado en contra da autorización da impartición do grao, tal e como fixeron saber no transcurso do pleno.

A Consellería de Cultura e Educación está aberta a calquera proposta de grao que cumpra cos requisitos legais para o Campus de Ourense. En calquera caso, as decisións do Consello Galego de universidades - e da Consellería como membro do mesmo- atenden sempre a criterios técnicos e a prioridades de planificación do Sistema Universitario de Galicia, non aos de grupos que defenden intereses persoais. Así, a Consellería considera imprescindible que o procedemento legal de verificación siga o seu curso sen atender a presións alleas ao mesmo.

Proceso

Respecto do proceso, é necesario sinalar que a Consellería emitiu en xaneiro de 2014 informe favorable previo a envío a verificación do título Grao en Enxeñaría Física proposto pola Universidade de Vigo. É dicir, informe favorable para un título de enxeñaría, non para ningún outro ámbito de coñecemento. Pola súa parte, a ACSUG emitiu o 12 de maio un informe provisional solicitándolle á UVigo cambiar o nome da titulación, polo que a universidade propón 'Física para as novas tecnoloxías'. Isto provoca un cambio de rama de coñecemento (da rama de Enxeñaría e Arquitectura á rama de Ciencias), o que significaría que a autorización previa da Consellería do mes de xaneiro non tería valor, así como a confusión dos membros do Consello Galego de Universidades, o que motivou que se adiara a votación ata que se aclarase a situación do grao.

O feito de que os membros do Consello Galego de Universidades decidisen adiar a votación, supón unha oportunidade para que a UVigo reformule a súa proposta de grao. De feito, a universidade de Vigo, á vista do informe da ACSUG, retomou xa a proposta inicial de 'Grao en Enxeñaría Física', que neste momento está a valorar a ACSUG antes de emitir o informe definitivo.