Xesús Vázquez Abad asiste á apertura da VII Xornada dos Clubs de Lectura na Escola Galega de Administración Pública

A Consellería de Cultura e Educación reúne en Compostela, por sétimo ano consecutivo, ao profesorado que coordina os clubs de lectura en centros de ensino secundario, formación profesional, escolas de idiomas, conservatorios e ensinanzas de persoas adultas

Ven, 06/06/2014 - 12:17
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta mañá á apertura da VII Xornada dos Clubs de Lectura na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta mañá á apertura da VII Xornada dos Clubs de Lectura na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O evento reuniu aos coordinadores dos distintos clubs de lectura que recibiron o apoio do departamento educativo da Xunta de Galicia a través das axudas outorgadas durante o curso 2013/2014. Este apoio foi recibido por un total de 209 centros que contan, na súa meirande parte, con varios grupos de lectura. Ademais un mínimo dun 25% destes centros educativos teñen tamén un grupo de lectura de adultos no que participan profesorado, nais, pais e persoal non docente.

A conferencia inicial da xornada correu a cargo do especialista en temas de lectura, Luis González Martín, director adxunto da Fundación Germán Sánchez Ruipérez (FGSR) e responsable dos portais especializados ‘Canal Lector’ e ‘Lectura Lab’, así como impulsor de ‘Lectyo’, rede social para profesionais da lectura.  O título da conferencia foi ‘Os mediadores e a soidade do lector’.

A mañá acolleu tamén unha mesa redonda para debater arredor do tema: ‘Unha visión sobre as lectoras e os lectores dos clubs de lectura e o papel da persoa mediadora’. Neste coloquio participaron Mª Xesús Sarmiento, representando ó IES San Mamede, Susana Losada do IES de Melide, Gracia Santorum do IES Pintor Colmeiro e Ana Belén Durán do IES Xograr Alfonso Gómez.

Reunións temáticas

Na primeira sesión da tarde terá lugar unha serie de reunións por temáticas. A primeira delas, ‘Narracións transmedia e literatura galega’, correrá a cargo de Manuel Gago, director do portal www.culturagalega.org. Posteriormente Anxos Vidal, do IES de Poio, falará dos clubs de lectura e dos xéneros literarios; tras o que Miguel Vázquez Freire exporá aos asistentes as posibilidades dos clubs temáticos, como o Club de lectura de filosofía que coordina no seu centro, o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela. Desde o IES de Valga, Miguel Fernández Blanco achegará a súa experiencia sobre os clubs de lectura para adultos e, por último, Mª Henar Pascual Malvar moderará a reunión temática sobre o club de lectura e as posibilidades co alumnado con necesidades específicas. O escritor vigués Pedro Feijoo, autor de títulos moi recoñecidos polos lectores como ‘Os fillos do mar’ ou ‘A memoria da choiva’, pechará a xornada.

O encontro de hoxe enmárcase na estratexia de mellora das bibliotecas escolares e o fomento da lectura no contexto educativo desenvolvida pola Consellería de Cultura e Educación ao abeiro do Plan para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe (LÍA).