Cultura e Educación convoca a mesa sectorial de educación para o vindeiro luns 9 de xuño

A Consellería ten a vontade de dialogar e debater todos os asuntos relativos á nova aplicación LOMCE, por este motivo, e aínda que a reunión estaba convocada con suficiente antelación, decidiuse ampliar o prazo

Xov, 05/06/2014 - 17:48

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidiu aprazar a mesa sectorial para o vindeiro luns 9 de xuño como mostra da súa vontade de diálogo. Aínda que a reunión de hoxe estaba convocada con suficiente antelación, a Consellería accedeu a ampliar o prazo para que os sindicatos dispoñan de máis tempo aínda para consultar co profesorado o contido dos borradores dos decretos de Primaria e de FP Básica, así como o calendario escolar, temas que estaban previstos debater na reunión de hoxe.

Dende o Goberno galego considerábase que os sindicatos tiveron tempo suficiente para consultar e debater os decretos, posto que o 21 de maio o borrador do decreto de Primaria foi enviado aos sindicatos e posto a disposición da comunidade educativa na páxina web da Consellería, e a maiores, publicouse o 30 de maio no Diario Oficial de Galicia un anuncio de que o borrador estaba en trámite de información pública.

No caso do borrador de decreto da FP Básica, a Consellería enviou o 13 de maio este documento aos sindicatos e publicouse na web de Educación. Asemade, o 16 de maio o DOG anunciaba que o borrador do decreto de FP estaba dispoñible para a súa consulta.