A Feira do Libro de Ferrol cumpre vinte e cinco anos co apoio de Cultura e Educación e da Federación de Librarías de Galicia

A próxima parada das Feiras do Libro de Galicia será na cidade ferrolá do 11 ao 15 de xuño, cunha programación de 40 actividades para dinamizar o libro e a lectura

Xov, 05/06/2014 - 12:43
 A Feira do Libro de Ferrol cumpre vinte e cinco anos co apoio de Cultura e Educ
A Feira do Libro de Ferrol cumpre vinte e cinco anos co apoio de Cultura e Educación e da Federación de Librarías de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación de Librarías de Galicia presentaron esta mañá a nova edición da Feira do Libro de Ferrol, que do 11 ao 15 de xuño celebra o seu vixésimo quinto aniversario. Para a ocasión, o evento incluirá unha programación de 40 actividades culturais “que teñen como obxectivo principal achegarlles os libros e a lectura a todos os públicos”.

Así o explicou na rolda de prensa o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou o interese destes eventos para reforzar a presenza do libro e da lectura na axenda colectiva da cidade. O representante da Xunta estivo acompañado pola concelleira de Educación e Deportes de Ferrol, Susana Martínez, e mais por Nani Regueira, da Federación de Librarías de Galicia.

Programación

As Feiras do Libro de Galicia contan este ano cunha ampla e diversa oferta de actividades co fin de potenciar a lectura entre os diferentes públicos que as visitan. No caso de Ferrol, a programación incluirá desde o 11 ao 15 de xuño un total de 40 propostas para reforzar o interese da feira.

Actuacións e actividades musicais a cargo do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol e do alumnado e profesorado do Conservatorio de Música Xan Viaño, sinatura de libros con María Sande, Carlos Agulló, Antón Losada, Francisco Narla ou Natalio Gómez; presentacións de libros a cargo do académico Xesús Alonso Montero, do xornalista José de Cora ou de Paco Nogueiras; charlas-coloquio con Xavier Alcalá e Xoán Doldán, contacontos e recitais son algunhas das actividades que conforman a programación cultural da feira.

A nova edición do evento, que se inaugurará o 11 de xuño ás 18:00 horas, contará coa participación das librerías Central Librera, Metropoliscomics, Cortizas e Lector Nobel de Ferrol; Pedreira de Santiago, Cartabón de Vigo, e Day de Narón. Tamén disporá dun stand dedicado á ‘Gran Enciclopedia Galega’, dun espazo outlet e doutro para a biblioteca infantil.

Próximas feiras

O calendario de Feiras do Libro de Galicia 2014 comezou o seu percorrido polas catro provincias galegas o pasado mes de abril en Santiago de Compostela, ao abeiro dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Cultura e Educación e a Federación de Librarías de Galicia. Logo do seu paso pola capital de Galicia e polas cidades de Pontevedra, Lugo, e Vigo, as feiras fan parada actualmente en Ourense.

Do 11 ao 15 de xuño estarán en Ferrol, para percorrer, a continuación, Ribadeo (17 a 20 de xullo), Rianxo (24 a 27 de xullo), A Coruña (1 a 10 de agosto), Viveiro (14 a 17 de agosto), Foz (27 a 30 de agosto) e, finalmente, Monforte (27 ao 30 de agosto).