A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 25% o orzamento para os premios fin de carreira

O obxectivo é recoñecer a excelencia do alumnado que rematou os seus estudos no ano 2013 no Sistema Universitario de Galicia

Mér, 04/06/2014 - 16:39
 A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 25% o orzamento para os pre
A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 25% o orzamento para os premios fin de carreira

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de incrementar nun 25% o rozamento destinado á convocatoria dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2013 no Sistema Universitario de Galicia (SUG), uns galardóns que recoñecen o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas. A convocatoria contará así cun presuposto de 187.500 euros. Os premiados recibirán unha dotación económica dun máximo de 2.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante apoio económico.

Desta forma a Consellería de Cultura e Educación reafirma o seu compromiso coa excelencia educativa, así como co apoio ao estudantado universitario no marco das inciativas que a Consellería desenvolve para favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades.

O pasado ano 69 estudantes recibiron este galardón. Nos seus 23 anos de historia un total de 946 titulados do Sistema universitario de Galicia obtiveron este premio. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace web: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140530/AnuncioG0164-220514-0002_gl.html. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes.

Destinatarios

A convocatoria vai dirixida a ao alumnado que no curso 2012/2013 rematara os seus estudos conducentes aos títulos de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, que foran cursado de forma íntegra nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Para seren beneficiarios dos premios os candidatos deberán ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura.