A Consellería de Cultura e Educación e UNVI amplían a súa colaboración coa sinatura dun convenio para a posta en marcha dun segundo proxecto de FP dual con esta empresa

A empresa ourensá formará nas súas instalacións a 15 alumnos do ciclo formativo de grao medio en Carrozaría, que se suman a outros 15 que neste momento están a cursar tamén esta modalidade no IES Universidade Laboral, con actividade profesionalizadora remunerada na empresa

Ademais, ambas as entidades continuarán a colaborar na actualización de coñecementos de profesorado e traballadores, así como na formación do alumnado da nova FP Básica

Ven, 30/05/2014 - 12:45
A Consellería de Cultura e Educación e UNVI amplían a súa colaboración
A Consellería de Cultura e Educación e UNVI amplían a súa colaboración coa sinatura dun convenio para a posta en marcha dun segundo proxecto de FP dual con esta empresa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o administrado da empresa Unidad de Vehículos Industriales S.A. (UNVI), Emilio Pérez Nieto; asinaron hoxe un convenio polo que amplían a súa colaboración no eido da Formación Profesional, coa implantación do noveno proxecto destas características en Galicia, que é ademais o segundo subscrito entre esta empresa e o departamento educativo da Xunta de Galicia.

Ademais, esta mañá ambas as entidades renovaron a súa colaboración para que os estudantes da nova FP básica poidan realizar o período de Formación en Centros de Traballo (FCT) na empresa UNVI, así como para a creación dun programa de bolsas formativas para este alumnado. De forma paralela, a Consellería facilitará aos traballadores da empresa a actualización dos seus coñecementos, así como o acceso ao proceso de acreditación de competencias obtidas a través da experiencia profesional. Pola súa banda, a compañía orientará ao profesorado na actualización dos seus coñecementos.

Tan só un ano depois da sinatura do acordo para a posta en marcha dun proxecto de FP dual con esta empresa, a ampliación da colaboración é unha clara mostra do éxito da iniciativa e da valoración positiva que as empresas lle están a dar a esta modalidade da Formación Profesional. O conselleiro quixo agradecer á empresa o seu compromiso coa educación, contribuíndo a formar ao alumnado nos seus centros de traballo, o que supón ademais darlles unha oportunidade de emprego. Non en balde, o diferencial da FP dual radica no feito de que se combina a formación curricular coa actividade profesionalizadora remunerada nunha empresa – neste caso UNVI-, na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Deste xeito, dos 3 cursos de duración do proxecto, o 20,5 % desenvólvense no centro educativo correspondente, mentres que o restante se leva a cabo nas instalacións de UNVI.

Ao acto, ademais dos asinantes, asistiron o delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; e o conselleiro delegado de UNVI, Eloy Pérez Martínez.

Segundo proxecto de FP dual coa empresa

Para poñer en marcha este segundo proxecto de FP dual con UNVI abrirase unha convocatoria para seleccionar a 15 persoas interesadas en cursar o ciclo de grao medio en Carrozaría ao abeiro deste proxecto. O período formativo desenvolverase no IES Universidade Laboral de Ourense- e nas instalacións de UNVI.

Esta experiencia terá unha duración de 5.107 horas, ao longo de 3 cursos (14/15, 15/16 e 16/17). Delas, 1.989 serán de formación, 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.050 horas impartiranse no IES Universidade Laboral de Ourense e as outras 540 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 236 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.

Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 3.281 horas de actividade profesionalizadora, o que supón o 64,2% do total dos 3 cursos, baixo un réxime de bolsas remuneradas.

A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:

Seguimento do proxecto

Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora para cada estudante, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o IES Universidade Laboral designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación, e servir como interlocutor coa empresa.

Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do CIFP e da compañía.

Empresa de referencia

A colaboración con UNVI S.A., empresa de referencia dedicada á fabricación de vehículos para o transporte de viaxeiros e vehículos especiais - bibliobuses, oficinas móbiles...- , é de especial importancia pola relevancia da compañía, que se caracteriza pola súa forte aposta por un capital humano cun alto coñecemento do sector e por un proceso de produción baseado no concepto de calidade total para acadar o éxito.

Así, a formación de profesionais nas súas instalacións ao abeiro da FP Dual é unha garantía para este alumnado de que van ter unha preparación do maior nivel. De feito, unha das vantaxes competitivas de UNVI é o seu alto grado de especialización no deseño e fabricación de carrozarías de gran calidade altamente personalizadas. Isto require un alto grao de capacitación dos seus traballadores, que se lles vai proporcionar ás alumnas e alumnos implicados neste proxecto de FP Dual.