Cultura e Educación lembra que o informe da axencia avaliadora independente ACSUG foi moi claro ao considerar que existen moitas dúbidas para a autorización da impartición do grao en física para as novas tecnoloxías

O Consello galego de universidades aprobou aprazar por unanimidade a decisión a que se aclare a confusión arredor do título

Cómpre lembrar que a proposta deste novo grao nace dunha sentenza xudicial que obrigou á Universidade de Vigo a elaborar unha nova proposta de titulación para substituír aos antigos estudos de Física.

Mar, 27/05/2014 - 15:15
 Cultura e Educación lembra que o informe da axencia avaliadora independente ACS
Cultura e Educación lembra que o informe da axencia avaliadora independente ACSUG foi moi claro ao considerar que existen moitas dúbidas para a autorización da impartición do grao en física para as novas tecnoloxías

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lembra que o informe provisional da axencia avaliadora independente ACSUG foi moi claro ao considerar que existen moitas dúbidas para a autorización da impartición da titulación de Grao en Física para as novas tecnoloxías. Cómpre sinalar ademais que o informe final favorable desta entidade antes do 31 de xullo é requisito imprescindible para que se poida ofertar o título.  Á vista destes feitos, o Consello Galego de Universidades (CGU), ante o rexeitamento de moitos dos seus membros, acordou onte por unanimidade adiar a autorización de implantación ata que a ACSUG emita o seu informe final, dadas as características particulares desta titulación, así como a confusión existente arredor da mesma.

É necesario coñecer o informe final de avaliación do título para saber cal son as características finais do título proposto, que parece non axustarse á rama de coñecemento de Enxeñaría e Arquitectura. Neste sentido cómpre indicar que o informe emitido pola Consellería a inicio de ano era para un título de enxeñaría, non para ningún outro ámbito de coñecemento

De terse sometido a votación no CGU, tanto a Universidade da Coruña como a de Santiago de Compostela, así como outros representantes, tería votado en contra da autorización da impartición do grao, tal e como fixeron saber no transcurso do pleno. Polo tanto cómpre reiterar que non existe ningún tipo de motivación política detrás do aprazamento da decisión, senón o único interese de facilitar á UVigo que presente unha nova proposta para esta titulación, máis tendo en conta que a ACSUG é unha axencia con plena autonomía para emitir os seus informes.

Neste sentido hai que lembrar que a proposta deste novo grao nace dunha sentenza xudicial que obrigou á Universidade de Vigo a elaborar unha nova proposta de titulación para substituír aos antigos estudos de Física.

Ademais é necesario salientar que a obriga da Consellería é velar por unha oferta de titulacións ampla, variada e interesante para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia, evitando duplicidades que se poderían producir tal e como é a formulación actual do grao en Física para as novas tecnoloxías.