O conselleiro de Cultura e Educación asina un convenio con Fegatea para a realización do Circuíto Galego de Teatro Amador

A Consellería comprométese a destinar un total de 25.000 euros para levar 60 funcións a varias localidades das catro provincias galegas

Xov, 22/05/2014 - 19:40
 O conselleiro de Cultura e Educación asina un convenio con Fegatea para a reali
O conselleiro de Cultura e Educación asina un convenio con Fegatea para a realización do Circuíto Galego de Teatro Amador

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe un convenio de colaboración coa presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), Mª Consuelo Pampillón Alonso, para a realización do Circuíto Galego de Teatro Amador.

A través de este acordo, a Consellería de Cultura e Educación comprométese a entregarlle á Federación de Teatro Afeccionado un total de 25.000 euros para a realización dun circuíto teatral que levará 60 funcións a varias localidades das catro provincias galegas. Estímase que a iniciativa Teatro Amador achegará a arredor de 7.500 espectadores as últimas propostas escénicas de grupos afeccionados federados de Galicia.

O circuíto Teatro Amador promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro por toda a Comunidade galega e asegúrase a viabilidade cultural do teatro afeccionado. Asemade, a través desta iniciativa garantízase que as localidades que non poden realizar unha programación por cuestións orzamentarias e de infraestrutura atopan a posibilidade de achegar o teatro as súas vilas.

Impulso ao teatro afeccionado galego

A Federación Galega de Teatro Afeccionado comezou a súa andaina centrando os seus esforzos no fornecemento do tecido cultural ao redor do teatro amador no ámbito autonómico. Acadado este obxectivo, por medio dunha programación estable que abrangueu actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais de teatro, nos últimos tempos tamén dedicou esforzos a promocionar o teatro amador galego no resto de España.

Fegatea está composta na actualidade por 53 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas, o que constitúe, nestes momentos, a maior estrutura teatral organizada. Cabe destacar que cada unha destas agrupacións contribúe a desenvolver o movemento cultural e social da súa localidade, onde, en moitos casos, se ofrecen como única alternativa de programación cultural.