'FalaRedes', de Cultura e Educación, leva 'Os Bolechas e o Sabichón' e 'As fabas máxicas' a seis concellos da provincia da Coruña

Entre mañá e o domingo, estas dúas propostas de lecer do programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística dinamizarán o galego entre a xente miúda de Muros, Cariño, Neda, Ortigueira, Val do Dubra e Noia
Xov, 22/05/2014 - 12:25
'FalaRedes', de Cultura e Educación, leva 'Os Bolechas e o Sabichón' e 'As fabas
'FalaRedes', de Cultura e Educación, leva 'Os Bolechas e o Sabichón' e 'As fabas máxicas' a seis concellos da provincia da Coruña

O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, levará esta semana Os Bolechas e o Sabichón e As fabas máxicas a seis concellos da provincia da Coruña adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

O concurso infantil protagonizado pola familia Bolecha aterrará mañá na localidade de Muros, ás 18:00 horas na antiga fábrica de Sel, mentres que o sábado chegará a Cariño, ás 19:00 h na Casa da Cultura. Xa o domingo, será a xente miúda de Neda e Ortigueira a que poderá participar no divertido espectáculo, ás 12:00 horas na Casa da Cultura e ás 18:00 horas no Teatro da Beneficencia, respectivamente.

Pola súa banda, a obra de Caramuxo Teatro atoparase o sábado coa veciñanza de Val do Dubra, que acollerá unha función ás 19:00 horas no Auditorio Municipal, e o domingo coa de Noia, cun pase ás 19:30 horas na Sociedade Liceo.

Os Bolechas e o Sabichón

Os Bolechas e o Sabichón fai as delicidas dos cativos e cativas de 4 a 8 anos ao simular un concurso que enfronta os irmáns Braulio e Loli, que como líderes de senllos equipos teñen que superar unha serie de probas lingüísticas moi divertidas. Pero para vencer precisarán de axuda, polo que solicitan a participación do público, convertendo a xente miúda en parte activa e protagonista do espectáculo dinamizador.

Mediante esta estratexia poténciase a identificación da xente miúda asistente á actividade cos Bolechas, todo un referente positivo estreitamente asociado ao galego ao falar sempre na nosa lingua, tanto nos libros coma nos programas de televisión ou nos espectáculos coma este incluído na programación do FalaRedes 2014.

As fabas máxicas

Coa obra de teatro As fabas máxicas, dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos, perséguese que a cativada se achegue á dramaturxia en galego por medio dunha peza de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

Trátase dun espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan nos narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques. Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

Coma sempre en FalaRedes, a entrada a estas propostas é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Máis información sobre o programa no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.