Os Premios de Literatura Teatral 2014 da Consellería de Cultura e Educación entran na última semana de recepción de orixinais

O 30 de maio remata o prazo de presentación de obras para o XXII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o VIII Manuel María de literatura dramática infantil e as dúas categorías do XI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques

Cunha dotación de 6.000 euros para cada un dos galardóns e categorías, a convocatoria busca estimular e recoñecer a creación literaria no eido dramático

Xov, 22/05/2014 - 11:42
 Os Premios de Literatura Teatral 2014 da Consellería de Cultura e Educación ent
Os Premios de Literatura Teatral 2014 da Consellería de Cultura e Educación entran na última semana de recepción de orixinais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén aberto ata o vindeiro 30 de maio o período de recepción de orixinais para a edición de 2014 dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e as dúas modalidades para público infantil e adulto do Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (público infantil e adulto).

A convocatoria, aberta a primeiros de ano tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia do 31 de decembro de 2013, entra así na última semana de prazo para a presentación de obras candidatas aos tres galardóns de literatura teatral que Cultura e Educación xestiona a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Cunha dotación económica de 6.000 euros para cada un dos galardóns e modalidades, estes premios comparten como obxectivo servir de estímulo da creación literaria no eido dramático, así como procurar o seu maior recoñecemento e proxección social. Neste sentido, as bases contemplan tamén a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

Traxectoria lonxeva

Neste ano 2014 o Álvaro Cunqueiro alcanza xa a súa vixésimo segunda edición, manténdose como o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego, mentres que o Manuel María de Literatura Dramática Infantil celebra a súa oitava entrega e o Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques chega á undécima edición.

Poden optar a eles aquelas persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que deberán ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral, de xeito que non serán admitidas as obras de teatro breve. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán igualmente excluídos os textos para teatro de monicreques.

Para a avaliación de todas as obras recibidas na forma e prazo que indican as bases constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Para tomar a súa decisión, que deberá ter lugar antes do 31 de outubro, valorará aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a especificidade de cada premio e o coidado da lingua.