A Consellería de Cultura e Educación promove a transparencia e o uso eficiente dos recursos públicos co inicio do procedemento para solicitar o reintegro das axudas á adquisición de libros de texto cobradas indebidamente

As reclamacións refírense aos casos nos que se detectaron datos incorrectos nos niveis de renda indicados polas familias nas solicitudes, tras cruzalos coa información da Axencia Estatal da Administración Tributaria

Mar, 20/05/2014 - 19:00
 A Consellería de Cultura e Educación promove a transparencia e o uso eficiente
A Consellería de Cultura e Educación promove a transparencia e o uso eficiente dos recursos públicos co inicio do procedemento para solicitar o reintegro das axudas á adquisición de libros de texto cobradas indebidamente

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de iniciar o procedemento para solicitar o reintegro dalgunhas das axudas concedidas para a adquisición de libros de texto, material didáctico e complementario no curso 2010/2011, en concreto daquelas percibidas indebidamente, en detrimento do interese xeral.

Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia promove a transparencia e o uso eficiente dos fondos públicos, pedindo a devolución do importe total ou parcial da axuda a aquelas persoas que se beneficiaron dela malia que as súas rendas – unha vez contrastadas coa información da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT)- superaban a contía máxima ou ben non se axustaban ao tramo de renda contrastado, en base aos datos incorrectos reflectidos na solicitude.

En total detectáronse datos incorrectos en 3.585 solicitudes, o que cuantitativamente supón unha cantidade total de 336.000 euros en axudas, que foran cobrados indebidamente.

Este procedemento declarativo da obriga de reintegro tramítase con todas as garantías, posibilitando que as familias poidan formular as alegacións ou achegar os documentos que estimen convenientes para acreditar a correcta percepción da axuda, e, en todo caso, é consecuencia do cumprimento dos compromisos respectivamente asumidos tanto polas persoas beneficiarias, ao declarar na solicitude expresamente e baixo a súa responsabilidade que a unidade familiar reunía o requisito de ingresos establecidos na convocatoria; como pola Administración, que debe verificar a coincidencia entre os datos declarados e a información proporcionada pola AEAT.

Neste sentido cómpre lembrar que a lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, diferencia dous momentos procedimentais, o primeiro da concesión das axudas, e o segundo de control e seguimento  das mesmas e o reintegro total ou parcial dos importes das percibidas de forma indebida. Seguindo esta normativa, a Consellería de Cultura e Educación debe realizar estes procedementos de revisión das axudas concedidas e de reintegro – de ser o caso-; actuación que se continuará realizando respecto das convocatorias de cursos posteriores.