A Consellería de Cultura e Educación publica 21 cadernos con 133 pezas musicais para uso de alumnado e profesorado dos conservatorios galegos

O conselleiro salientou o valor das ensinanzas plásticas e musicais, que manteñen en Galicia a súa relevancia coa LOMCE

Mar, 20/05/2014 - 13:45
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a publicación ‘Recursos musicais para conservatorios’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a publicación ‘Recursos musicais para conservatorios’, 21 cadernos que reúnen 133 obras para uso do alumnado e profesorado dos conservatorios galegos. O obxectivo destes volumes é dotar a estes centros e ás súas comunidades educativas de material didáctico específico para o desenvolvemento do currículo tanto do grao elemental como do grao profesional das ensinanzas de música.

O conselleiro salientou o valor das ensinanzas artísticas, tanto na súa vertente plástica como musical, que manterán en Galicia a súa relevancia co novo currículo de educación primaria adaptado á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Neste sentido explicou que a publicación presentada hoxe “vai redundar pois na mellora continua da calidade do ensino que se ofrece dende os conservatorios e escolas de música e que, sen dúbida algunha, constitúe un enriquecemento para o noso alumnado”.

Vázquez Abad fixo fincapé na música como un símbolo da nosa identidade histórica, nunha Comunidade que conta “cun pasado musical inmensamente rico”. Neste sentido salientou o incremento notable da matrícula nestes centros. “Máis de 4.000 alumnos e alumnas están a cursar ensinanzas elementais, profesionais e superiores nos nosos conservatorios oficiais, unha cifra que supera os 16.000 estudantes se temos en conta os conservatorios e as escolas de música municipais e os centros privados autorizados”, dixo, sinalando este feito como “unha mostra do interese que esperta o estudo da música na nosa Comunidade, como un piar básico da formación integral e do desenvolvemento persoal, pero tamén como unha verdadeira opción profesional de futuro”

Traballo conxunto

Para elaboración de ‘Recursos musicais para conservatorios’ constituíronse nos últimos anos diversos grupos de traballo que elaboraron composicións orixinais para as distintas especialidades instrumentais e niveis. O resultado deste labor é un conxunto de 133 obras agrupadas en 21 cadernos, escritas para as especialidades sinfónicas, que son as que contan cun menor repertorio adaptado aos niveis elemental e profesional. Así, fíxose fincapé na composición de pezas para arpa, clarinete, contrabaixo, fagot, frauta travesa, guitarra, óboe, percusión, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba, viola, violín e violoncello.

As obras foron revisadas por profesorado destinado nos conservatorios de música de Galicia dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co fin de adecualas aos distintos graos e cursos que conforman as ensinanzas elementais e profesionais de música, de forma que poidan ser utilizadas como material didáctico tanto para a materia de Instrumento como para as de Música de cámara e de Conxunto, así como noutras materias teóricas como Harmonía ou Análise.

No transcurso da presentación o conselleiro quixo, polo tanto, agradecer o traballo que fixeron as compositoras e compositores que colaboraron na elaboración destes libros, o dos profesores dos conservatorios que revisaron as obras, o do equipo do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial da Consellería na coordinación da publicación, así como a  participación da Asociación Galega de Compositores “que colaborou de xeito decidido na elaboración das obras que constitúen esta colección de partituras”.

Á rolda de prensa asistiron ademais o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de  Aprendizaxe permanente e Ensinanzas de réxime especial, Juan Durán; a presidenta da Asociación Galega de Compositores, Margarita Viso; membros desta asociación autores da edición das composicións musicais da publicacións e directores dos conservatorios de música dependentes da Xunta de Galicia e profesores colaboradores da edición.