A Consellería de Educación e Cultura participa no acto de graduación da primeira promoción da escola de enfermería de Ourense

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, destacou o alto prestixio e a gran profesionalidade da Escola de Enfermería de Ourense

Ven, 16/05/2014 - 20:00

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe, en representación da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no acto de graduación da primeira promoción de grao (2010-2014) da escola de enfermería ourensá, celebrado no salón de actos Marie Curie da facultade de Ciencias do Campus de Ourense.

Ademais do secretario xeral de Universidades, tamén participaron na cerimonia o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez Vázquez; a presidenta do padroado da escola universitaria de enfermería e xerente xeral do complexo hospitalario de Ourense, Eloína Núñez Masid; a directora de enfermería do devandito centro, María Victoria Carral García e a directora da escola de enfermería, Estrella Portela Atrio; ademais de docentes, persoal administrativo e de servizos e estudantes.

Aposta polo prestixio da escola de enfermería de Ourense.

Díez de Castro comezou a súa intervención dando os parabéns aos novos egresados, lembrando que a enfermería é un dos estudos superiores que transcende o académico, elevando a un primeiro plano o trato humano. O secretario xeral de Universidades destacou o prestixio e tradición desta institución, que constata o potencial educativo do ensino público galego. En concreto, Díez de Castro, subliñou que “a Escola de Enfermería de Ourense, que hoxe despide a súa primeira promoción de grao, consta dunha tradición e prestixio fortes e consolidados. Esta institución académica, que leva moitos anos preparando promocións de enfermeiras e enfermeiros, posúe características que a fan exemplar e que nos permiten albergar esperanzas sobre o seu potencial educativo nos eidos do ensino público da nosa terra”.

O secretario xeral de Universidades, rematou o seu discurso cunha lembranza especial para as familias dos alumnos, como piar fundamental do seu traballo, así como para o profesorado, que os acompañou e guiou na formación académica e humana. Finalmente pediulle aos titulados que garden “un lugar na vosa memoria para o profesorado, presente e pasado, que vos orientou e acompañou, que vos ensinou e educou durante todo este tempo de formación.”