Cultura e Educación pon en marcha o proxecto Letras Galegas no Mundo coa tradución de Nimbos ao italiano

Letras Galegas no mundo é unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística para difundir internacionalmente a obra de autores en lingua galega

O proxecto aproveita as posibilidades de divulgación que ofrece a web e os recursos humanos dos lectorados que a Consellería sostén en varios países

A tradución da obra de Xosé María Díaz Castro ao italiano foi realizada por alumnado do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Padua

‘Nimbos’ contará tamén con traducións ao inglés, ao ruso e ao éuscaro

Ven, 16/05/2014 - 14:19
 Cultura e Educación pon en marcha o proxecto Letras Galegas no Mundo coa traduc
Cultura e Educación pon en marcha o proxecto Letras Galegas no Mundo coa tradución de Nimbos ao italiano

Nimbi, de Xosé María Díaz Castro, é a tradución ao italiano que inaugura, na semana do 17 de maio, o proxecto Letras Galegas no Mundo da Consellería de Cultura e Educación para difundir internacionalmente a obra de autores que publicaron literatura en lingua galega. Esta e outras traducións que se irán sumando ao proxecto estarán accesibles para o público de dentro e de fóra de Galicia a través da web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega.

Proxección exterior da lingua

Por iniciativa da Consellería, varios centros de estudos galegos dependentes dela e con sede en universidades de Europa e de América asumiron, a modo de actividade de aula, a tarefa de tradución do libro de poemas Nimbos, do autor homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas Xosé María Díaz Castro. A primeira desas traducións foi realizada no Centro de Estudos Galegos de Padua (Italia), que dirixe o profesor Giovanni Borriero e no que é lectora a profesora Gemma Álvarez Maneiro.

En datas próximas, iranse incorporando á web www.xunta.es/linguagalega traducións de Nimbos a outros idiomas. Mais o proxecto Letras Galegas no Mundo non se esgota na obra de Xosé María Díaz Castro, senón que se agarda que dende os lectorados de lingua galega sostidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística se continúe fornecendo á comunidade internacional de traducións dos autores máis relevantes da nosa literatura.

Deste xeito, Letras Galegas no mundo serve tamén para dinamizar os centros de estudos galegos e implicar o alumnado que estuda a lingua propia de Galicia fóra desta comunidade autónoma nun proxecto que promove a divulgación da nosa cultura e a difunde a través da web, aproveitando as facilidades de comunicación e de difusión que ofrecen as novas tecnoloxías.

Nimbosen múltiples linguas

Xosé María Díaz Castro, que dedicou boa parte da súa vida profesional á tradución, será homenaxeado pola Consellería de Cultura e Educación co traslado do seu poemario “Nimbos” a diferentes linguas. Ademais das traducións que se farán no marco do proxecto Letras Galegas no Mundo, o departamento que dirixe Vázquez Abad incluíu na programación das Letras Galegas 2014 a edición desta obra en inglés a cargo do profesor Jonathan Dunne; en ruso, a cargo da profesora Elena Zernova, e a edición bilingüe en galego e éuscaro, con tradución de Gerardo Markuletak.

Centros de estudos galegos no mundo

A Xunta de Galicia conta actualmente con 36 centros de estudos galegos en diversos países de Europa e América froito de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A maioría dos actuais centros de estudos galegos –en concreto, 28 dos actualmente existentes- refórzanse coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento da súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A través dos centros de estudos galegos e dos lectorados, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve importantes accións para favorecer a proxección exterior da lingua propia de Galicia, así como a investigación arredor do idioma galego.