O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, dependente de Cultura e Educación, volve a ser incluído na lista de itinerarios culturais europeos

O Consello de Europa ratificou este certificado para o proxecto ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica’, unha iniciativa que agrupa a enclaves arqueolóxicos visitables de arte rupestre prehistórico de todo o continente, e entre os que está incluído o parque galego

O obxectivo desta iniciativa é desenvolver actividades comúns en torno á arte rupestre, tratando de impulsar a cooperación transnacional na xestión turístico-cultural da primeira arte da Prehistoria europea ea súa xestión profesionalizada

Xov, 15/05/2014 - 17:10
O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, dependente de Cultura e Educación, volve
O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, dependente de Cultura e Educación, volve a ser incluído na lista de itinerarios culturais europeos

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, volve a ser incluído na lista de Itinerarios Culturais Europeos. O Consello de Europa vén de ratificar este certificado para o proxecto ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica’ (CARP), unha iniciativa que agrupa a un total de 112 enclaves arqueolóxicos visitables de arte rupestre prehistórico de todo o continente.

Forman parte do itinerario ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica’ nove comunidades autónomas de España (Galicia, Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, País Vasco e Rexión de Murcia), tres rexións pirenaicas do sur de Francia, e diversos enclaves de Portugal, Irlanda Italia e Noruega. O obxectivo é desenvolver iniciativas comúns en torno á arte rupestre, tratando de impulsar a cooperación transnacional na xestión turístico-cultural da primeira arte da Prehistoria europea ea súa xestión profesionalizada, especialmente no ámbito rural.

Tras unha exhaustiva auditoría, a Xunta Directiva do Programa dos Itinerarios Culturais Europeos (composta por técnicos da Comisión Europea e o Consello de Europa) recoñece o traballo realizado pola Asociación CARP e mantén durante outros tres anos a inclusión no seu listado de itinerarios culturais este proxecto que promove e pon en valor covas, petróglifos, cámaras megalíticas, museos e centros de interpretación de todo o continente.

Este itinerario cultural foi aprobado polo Comité Director de Educación e Cultura do Consello de Europa o 7 de xuño de 2010, e o distintivo foi entregado á Asociación Internacional por responsables dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa no propio Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, coincidindo coa celebración do primeiro dos Foros internacionais organizados pola CARP.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación forma parte da Asociación Internacional desde a súa constitución, e coordina todas as actividades que a mesma desenvolve en territorio galego a través do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. En Galicia, ademais deste parque tamén teñen o recoñecemento de enclaves do Itinerario Cultural Europeo a Área Arqueolóxica de Tourón (Ponte Caldelas), a Área Arqueolóxica da Caeira (Poio) e os Petróglifos de Mogor (Marín).