A Consellería de Cultura e Educación selecciona 4 experiencias de voluntariado de lectura en centros de ensino primario

Os CEIP José María Lage (Ortigueira), Plurilingüe de Covas (Viveiro), Filomena Dato (Barbadás) e Manuel Sieiro (Crecente), participarán na Xornada de Voluntariado de Lectura-A, organizada en colaboración coa Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado

Enmarcado no Plan LÍA, este programa pretende impulsar actitudes de colaboración e de solidariedade, e favorece que os estudantes colaboren nas actividades desenvolvidas nas bibliotecas escolares, ademais de levar ao resto da comunidade educativa e fóra do centro as iniciativas de dinamización da lectura

Mér, 14/05/2014 - 14:14
A Consellería de Cultura e Educación selecciona 4 experiencias  de voluntariado
A Consellería de Cultura e Educación selecciona 4 experiencias de voluntariado de lectura en centros de ensino primario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de seleccionar os 4 mellores proxectos do total dos máis de 40 participantes na primeira edición de Voluntariado de Lectura-A, unha iniciativa enmarcada no Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, e que ten como obxectivo estimular e recoñecer o voluntariado cultural en relación coa lectura, a través da colaboración do alumnado nas diferentes actividades desenvolvidas na biblioteca escolar ou mediante actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, nas que poden participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa.

Tras avaliar a memoria de actividades desenvolvidas polos centros participantes, a Consellería seleccionou 4 centros – un de cada provincia- cuxos estudantes e profesores implicados compartirán as súas experiencias nunha xornadas de convivencia, no marco das que asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado e nas posibilidades do voluntariado cultural. En concreto os centros que participar na na Xornada de Voluntariado de Lectura-A serán o CEIP José María Lage (Ortigueira), CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), CEIP Filomena Dato (Barbadás) e CEIP Manuel Sieiro (Crecente).

No marco deste encontro abordaranse aspectos relacionados co cooperativismo, os xogos tradicionais, a lectura expresiva, a narración oral, as posibilidades do voluntariado, os traballos solidarios e outros. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes, como fórmula para a difusión destas boas prácticas. O programa completarase con visitas a unha biblioteca e ás instalacións dunha importante ONG, do entorno do Centro Residencial Docente da Coruña, onde se celebrarán as xornadas.

Estender os beneficios da biblioteca escolar

‘Voluntariado de Lectura-A’ naceu a partires da constatación de que cada vez máis alumnas e alumnos se están a implicar nas  tarefas de atención á biblioteca e de mediación cos seus compañeiros, creando este xermolo de voluntariado cultural. Así mesmo, e a través de iniciativas como as Mochilas Viaxeiras ou os Clubs de Lectura as familias están avanzando na súa implicación nas actividades organizadas polas bibliotecas escolares, sendo en moitos casos os máis pequenos da casa os que actúan como mediadores para que nais, pais e avós a relacionarse cos novos soportes e a formarse como lectores a través delas.

Con esta iniciativa a Consellería de Cultura e Educación quere dar un paso máis, tanto no que atinxe ao papel da biblioteca escolar na aprendizaxe do alumnado – en coñecemento e en valores como a solidariedade-, como para estender a toda a comunidade educativa e á súa contorna os beneficios que supoñen á hora de mellorar o rendemento académico e de contribuír a preparar á cidadanía para afrontar os retos da sociedade da información. Ademais cómpre salientar o papel das bibliotecas como espazos de aprendizaxe que favorecen a adquisición de todas as competencias básicas contempladas no currículo, contribuíndo así mesmo a mellorar a competencia en comunicación lingüística do alumnado, así como as competencias para o uso e a produción de información e, en xeral, todas as competencias básicas.

A iniciativa intégrase, así mesmo, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar. Neste sentido, pola súa participación nesta actividade, o alumnado e profesorado implicado recibirá un diploma acreditativo de teren intervido nesta actividade, de conformidade co establecido na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de  Acción Voluntaria.