A Consellería de Cultura e Educación e Vegalsa-Eroski homenaxean a Díaz Castro coa posta en marcha da campaña conmemorativa das Letras Galegas 2014

O departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad colabora coa compañía de distribución alimentaria, no marco das súas accións de responsabilidade social corporativa, para difundir a figura do poeta guitiricense co gallo do 17 de maio

Xesús Vázquez Abad, Joaquín González e Xesús Alonso Montero participaron en Santiago no acto simbólico de pegada de carteis no que se deu a coñecer a iniciativa

Os versos de ‘Nimbos’ chegarán aos fogares galego por medio dunha edición especial de máis de un millón de bolsas da compra

Mar, 13/05/2014 - 18:17
Xesús Vázquez Abad, Joaquín González e Xesús Alonso Montero participaron en Sant
Xesús Vázquez Abad, Joaquín González e Xesús Alonso Montero participaron en Santiago no acto simbólico de pegada de carteis no que se deu a coñecer a iniciativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski colaboran un ano máis para conmemorar conxuntamente o Día das Letras Galegas, por medio dunha campaña de difusión da figura do poeta guitiricense Xosé María Díaz Castro que chegará a todos os establecementos que integran a rede comercial da empresa. Con ela, as dúas empresas ratifican o compromiso común pola promoción da lingua e da cultura propias de Galicia.

O conselleiro Xesús Vázquez Abad e mais o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, dérona a coñecer hoxe no supermercado compostelán Eroski Center da Choupana, nun acto simbólico de pegada de carteis no que estiveron acompañados polos secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero e mais pola delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo. Ao acto asistiron tamén outros membros do equipo directivo da compañía, representantes de asociacións de amas de casa e consumidores e de asociacións veciñais, amais de clientes da tenda.

Semana grande da lingua e da literatura de Galicia

“Estamos na semana grande da lingua e da literatura de Galicia, unha semana para poñer en valor a literatura escrita no noso idioma e a relevancia do idioma en si para todo tipo de expresión oral ou escrita. Esa relevancia sempre a percibiu Vegalsa-Eroski, que non dubidou en empregar a nosa lingua en todo momento ao implantarse na nosa comunidade. Entendeu a importancia que os galegos lle damos ao noso propio idioma e o valor que ten como dinamizador do seu negocio. Esa sensibilidade, que se manifesta no prosaísmo do día a día coa etiquetaxe e a atención ao cliente, tamén se fai patente cada ano, chegadas estas datas, no seu interese por celebrar con toda a sociedade a festa das Letras Galegas”, dixo o titular de Cultura e Educación durante a súa intervención.

Carteis e bolsas para Díaz Castro e concerto ‘No bico un cantar’

1000 carteis conmemorativos ilustrados por unha das imaxes que integran a mostra gañadora do Concurso-Exposición Letras Galegas 2014, da autoría do CEIP Lagostelle de Guitiriz, e máis dun millón de bolsas de edición especial con versos de ‘Nimbos’ difundirán a figura de Díaz Castro desde a cesta da compra dos establecementos Vegalsa-Eroski baixo a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.  

Noutra liña de colaboración, a compañía galega de distribución alimentaria súmase á iniciativa “No bico un cantar”, posta en marcha pola Secretaría Xeral de Cultura e o Consello da Cultura Galega para homenaxear a Curros Enriquez en Celanova, o vindeiro 6 de xuño, nun concerto no que medio milleiro de rapaces e de rapazas interpretarán catro poemas musicados deste autor celanovés.

Promover o galego desde a RSC das empresas

Vegalsa-Eroski constitúe todo un exemplo no compromiso e na promoción do uso do galego desde a responsabilidade social corporativa (RSC) dunha empresa radicada en Galicia que incopora e implementa diferentes actuacións a prol do desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade entre as liñas de traballo prioritarias destinadas aos seus grupos de interese.