Cultura e Educación convida a celebrar o Día do Medio Ambiente no Gaiás co espectáculo de pompas de xabón de Pep Bou

O Museo Centro Gaiás acollerá o sábado 7 de xuño ‘Rebufaplanetes’, espectáculo co que adentrarnos no mundo máxico e delicado de Pep Bou

A obra de teatro enmárcase na celebración do Día do Medio Ambiente na Cidade da Cultura, que conta co patrocinio de Gas Natural Fenosa

Mar, 13/05/2014 - 12:00
Cultura e Educación convida a celebrar o Día do Medio Ambiente no Gaiás co espec
Cultura e Educación convida a celebrar o Día do Medio Ambiente no Gaiás co espectáculo de pompas de xabón de Pep Bou

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a celebrar o Día do Medio Ambiente no Museo Centro Gaiás con ‘Rebufaplanetes’, un espectáculo de Pep Bou co que descubrir a beleza que se esconde nas pompas de xabón.

Será o 7 de xuño ás 20:30 horas cando o recoñecido artista catalán Pep Bou inunde o Museo Centro Gaiás dunha linguaxe propia, espectacularidade visual e orixinalidade. As súas xa míticas pompas de xabón asombrarán por igual a grandes e pequenos, como leva facendo desde 1982 ante o público dos seis continentes, o que lle valeron varios premios internacionais como o de Festival de Teatro de Cannes ou Viena.

‘Rebufaplanetes’ convida a reflexionar sobre a nosa contorna desde o feitizo das grandes burbullas que nos hipnotizan e nos deixan sen alento. Pompas efémeras, cheas de cor, fráxiles e indomables coma o universo que nos rodea.

O espectáculo de Pep Bou enmárcase na celebración do Día do Medio Ambiente na Cidade da Cultura que, co patrocinio de Gas Natural Fenosa e no marco da exposición ‘Auga Doce’, busca concienciar sobre a importancia da auga e os perigos aos que se ve sometida. Xunto ao espectáculo de Pep Bou, o Museo Centro Gaiás acollerá unha xornada de portas abertas para descubrir a beleza da auga a través da ollada de grandes artistas e varios obradoiros ambientais cos que os visitantes poderán transformar unha botella de plástico nun fermoso floreiro ou calcular a súa pegada ecolóxica.

As entradas para ‘Rebufaplanetes’ xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura ou en www.servinova.com a un prezo de 8€ para a Zona A e de 5€ para a Zona B do Museo Centro Gaiás. O espectáculo conta tamén cun pack aforro (3 entradas por 20€ na Zona A e 12€ na B) que está dispoñible unicamente en venda anticipada a través do teléfono de Servinova 902 504 500.

Tres décadas marabillando coas pompas de xabón

Pep Bou é un clásico da escena española. Pisou os escenarios como profesional na segunda metade dos anos setenta, formando parte do exército de mimos e actores que caracterizaban a época. A súa preparación como arquitecto técnico e a súa paixón polas artes plásticas e visuais acumuláronse para consolidar unha forte sensibilidade cara aos espazos efémeros. Na súa historia teatral atopamos o seu paso como membro fundador de diversas compañías (Pa de Ral, La Viu Viu Teatre) ata o inicio, en 1982, da súa aventura en solitario co teatro de pompas de xabón.