'FalaRedes', de Cultura e Educación, dinamiza o galego entre o público familiar coas propostas 'Os Bolechas e o Sabichón' e 'as Fabas máxicas'

O concurso infantil chega hoxe aos concellos pontevedreses de Ponte Caldelas e A Lama tras o seu paso onte por Ribadumia, mentres que a peza de teatro se poderá ver esta tarde no Rosal

No marco do programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a actividade protagonizada polos populares personaxes de Pepe Carreiro visitará ata finais de ano 48 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Dom, 11/05/2014 - 11:00
'FalaRedes', de Cultura e Educación, dinamiza o galego entre o público familiar
'FalaRedes', de Cultura e Educación, dinamiza o galego entre o público familiar coas propostas 'Os Bolechas e o Sabichón' e 'as Fabas máxicas'

O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúa dinamizando a nosa lingua entre o público familiar coas propostas Os Bolechas e o Sabichón e mais As fabas máxicas, de visita esta fin de semana en catro concellos pontevedreses.

Tras o seu paso onte por Ribadumia, a xente miúda de Ponte Caldelas e da Lama terá hoxe oportunidade de participar neste concurso infantil protagonizado pola familia Bolecha, ás 12:00 horas no Centro Cultural e ás 18:00 horas no Multiúsos da Alameda, respectivamente. A terceira proposta do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2014 está a chegar, da man de Bolanda Edicións, desde esta primavera, en exclusiva, a 48 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Da man de Caramuxo Teatro unha nova versión do coñecido conto infantil Xan e as fabas máxicas, atoparase esta tarde coa veciñanza do Rosal, ás 18:00 horas no Auditorio Municipal. Coma sempre en FalaRedes, o acceso a estas propostas de lecer é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

O galego, de xeito lúdico e divertido

Ambas as dúas actividades incluídas na terceira edición de FalaRedes están dirixidas á xente miúda da casa e ás súas familias, co obxectivo de achegarlles o galego dun xeito lúdico e divertido.

Así, Os Bolechas e o Sabichón fai as delicidas dos cativos e cativas de 4 a 8 anos ao simular un concurso que enfronta os irmáns Braulio e Pili, que como líderes de senllos equipos teñen que superar unha serie de preguntas e probas moi divertidas. Pero para vencer precisarán de axuda, polo que solicitarán a participación do público, convertendo a xente miúda en parte activa e protagonista do espectáculo dinamizador.

Mediante esta estratexia poténciase a identificación da cativada asistente á actividade cos Bolechas, todo un referente positivo estreitamente asociado ao galego ao falar sempre na nosa lingua, tanto nos libros coma nos programas de televisión ou nos espectáculos coma este incluído na programación do FalaRedes 2014.

Este teatro-concurso, no que os bonecos se presentan en forma de monicreques manipulados por actores á vista, desenvolverase en dúas etapas ao longo do ano, comprendendo a primeira do mes de maio ao de xullo. Así, despois destas primeiras funcións, os Bolechas visitarán co Sabichón as localidades de Valga, Soutomaior, Moaña, Mondariz-Balneario, Muros, Cariño, Neda, Ortigueira, Boqueixón e Cospeito. Xa en xuño, o trepidante concurso aterrará en Foz, Barreiros, Teo, Zas, Malpica de Bergantiños, Laxe, A Estrada, Negreira, Bande, Castrelo de Miño, O Carballiño, Padrón, Vilamarín, Ourense, San Cristovo de Cea, Cee, Carnota e Muxía, mentres que en xullo revolucionará a xente miúda de Caldas de Reis, Vila de Cruces, Guntín e Abegondo.

Na mesma liña, coa obra de teatro As fabas máxicas, dirixida a xente miúda a partir de 4 anos e ás súas familias, perséguese que a cativada se achegue á dramaturxia en galego por medio dunha obra de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

Trátase dun espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan nos narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques. Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

Logo da actuación desta fin de semana, a proposta de Caramuxo Teatro continuará co seu itinerario polos concellos da RDL, facendo parada en Xove, Ordes, Brión, Val do Dubra, Noia e A Pobra do Caramiñal. En xuño, Xan e os seus monicreques chegarán a Vilalba, Celanova, Tui, Lalín, Ponteceso, A Veiga, Cee e Pontedeume.

FalaRedes

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará á totalidade de concellos da RDL con 150 novas propostas de dinamización lingüística, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Menús News node R