Cultura e Educación ofrece no Salón Teatro dúas funcións da compañía de danza Licenciada Sotelo coa proposta multidisciplinar ‘Silencio, por favor’

O corpo, a voz, a música e os recursos multidisciplinares interactivos dialogan na montaxe que se representa en Santiago o xoves 1 e o venres 2 de maio, ás 20.30 h

As coreógrafas e bailarinas galegas Nuria Sotelo e Rut Balbís interpretan este espectáculo xunto coa cantante Mounqup e a violonchelista Macarena Montesinos

A Consellería apoiou esta produción a través da convocatoria de 2013 de axudas da Agadic á actividade escénica para formacións de nova creación

Mar, 29/04/2014 - 11:05
Cultura e Educación ofrece no Salón Teatro dúas funcións da compañía de danza Li
Cultura e Educación ofrece no Salón Teatro dúas funcións da compañía de danza Licenciada Sotelo coa proposta multidisciplinar ‘Silencio, por favor’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle no Salón Teatro de Santiago de Compostela dúas funcións de ‘Silencio, por favor’, espectáculo multidisciplinar que a compañía de danza Licenciada Sotelo representa o xoves 1 e o venres 2 de maio, ás 20.30 horas.

Tras dez días dedicados á Mostra de Teatro Universitario de Galicia e na semana na que se celebra o Día Internacional da Danza, que se conmemora hoxe 29 de abril, o Salón Teatro cede o seu escenario a unha proposta coreográfica contemporánea articulada arredor do diálogo escénico entre o corpo, a voz, a música e os recursos multimedia interactivos.

Música en directo

A coreógrafa ourensá Nuria Sotelo dirixe o novo espectáculo da súa compañía, para o que tamén asina as coreografías xunto a Rut Balbís. Ambas as dúas son, ademais, intérpretes de ‘Silencio, por favor’ e comparten escena coa violonchelista Macarena Montesinos e a cantante Mounqup, encargadas da música en directo que conforma o espazo sonoro. En canto ao espazo multimedia, foi deseñado por Marta Valverde e Daniel Pais.

A Consellería de Cultura e Educación apoiou a produción desta montaxe, que o ano pasado resultou adxudicataria dunha axuda de 12.100 euros a través da convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á actividade escénica na modalidade de compañías de nova creación.

O seu proceso creativo deu comezo en 2013 no seo do programa Alt Procrea do festival Alt de Vigo, encontro que o pasado mes de marzo acolleu a estrea da proposta final. ‘Silencio, por favor’ desenvólvese a partir da procura dunha linguaxe escénica propia que explora como o organismo atravesa o ruído e o silencio en todas as súas manifestacións. O resulto é un espectáculo de gran forza e coreografías moi físicas, no que a estridencia ruidosa do espazo sonoro, do caos, altérnanse con oasis de calma e de silencio.

Despois de traballar en diferentes producións de danza e de teatro para o Centro Coreográfico Galego, Femme Fatale, Experimentadanza ou Elefante Elegante, entre outras formacións, en 2011 Nuria Sotelo pon en marcha a súa propia compañía, Licenciada Sotelo, coa que xa ten levado a escena outros cinco traballos escénicos.

As entradas para asistir ás dúas funcións de ‘Silencio, por favor’ no Salón Teatro están xa á venda no despacho de billetes do Teatro Principal (Rúa Nova, 22), aberta de martes a sábado en horario de 18.00 a 21.00 horas. Na billeteira do Salón Teatro, poderán mercarse os mesmos días de representación, desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.