Cultura e Educación divulga a obra fotográfica de Dionisio Tasende cunha exposición do CGAI no Museo de Belas Artes da Coruña

Baixo o título ‘Dionisio Tasende. De homes... e mulleres’, a mostra abriuse hoxe ao público con 81 imaxes en branco e negro tomadas en Galicia entre 1955 e 1979
Comisariada polo tamén fotógrafo José Caruncho, conforma unha completa retrospectiva do artista coruñés a través dos seus retratos e da captación de escenas da vida cotiá
A Consellería, a través do Centro Galego das Artes da Imaxe, contribúe á difusión e posta en valor de Tasende, recoñecido internacionalmente como un dos grandes fotógrafos do século XX
Xov, 24/04/2014 - 19:00
Cultura e Educación divulga a obra fotográfica de Dionisio Tasende cunha exposic
Cultura e Educación divulga a obra fotográfica de Dionisio Tasende cunha exposición do CGAI no Museo de Belas Artes da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu hoxe ao público no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición ‘Dionisio Tasende. De homes... e mulleres’, coa que contribúe á divulgación da obra   deste fotógrafo galego a través da exhibición dun total de 81 das súas imaxes tomadas en Galicia entre 1955 e 1979.

Organizada polo Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) en colaboración co Museo de Belas Artes e comisariada polo tamén fotógrafo José Caruncho, a mostra constitúe a primeira ampla retrospectiva realizada sobre o traballo de Tasende (A Coruña, 1918-2010), profesional moi considerado internacionalmente pola súa adscrición á FIAP (Fédération Internationale de L’Art Photographique), organismo especializado recoñecido pola UNESCO.

Con esta exposición, que permanecerá aberta ata o vindeiro 29 de xuño, a Consellería avanza no seu cometido de difusión das distintas manifestacións do noso patrimonio audiovisual e dos traballos concretos dos seus creadores, neste caso a través da presentación inédita de moitas das instantáneas de Dionisio Tasende, todas elas en branco e negro e na súa meirande parte retratos e escenas da vida cotiá galega deses anos. Neste sentido, acompaña a mostra a publicación dun ilustrativo catálogo que reproduce as imaxes ao tempo que enxalza a figura e a obra do coruñés como un dos grandes fotógrafos do século XX.

En representación da Consellería, participou no acto de apertura o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen expresou que a exposición “salda, en certa medida, a nosa débeda con este artista, distinguido por múltiples galardóns internacionais, admirado polos seus compañeiros de profesión, pero moi descoñecido aínda para a maioría dos galegos”.

Sutil destacou o valor tanto estético como documental da obra de Dionisio Tasende, así como a súa dedicación constante e a súa meticulosidade á hora de captar momentos representativos do día a día. Agradeceu, ademais, á familia do fotógrafo a súa colaboración para facer posible a mostra.

Fotógrafo intuitivo e constante

Dionisio Tasende descubriu a súa afección á fotografía aos 14 anos de forma intuitiva e autodidacta. As imaxes fotográficas foron marcando momentos decisivos da súa vida, e a fotografía converteuse na súa gran paixón, á que se dedicou con tesón e paciencia. Pertenceu á xeración de fotógrafos que nos anos 50 formaron a Sociedad Fotográfica de La Coruña, da que foi membro fundador e tesoureiro e na que conseguiu os obxectivos de organizar salóns fotográficos nacionais e internacionais e realizou actividades cara á divulgación da fotografía.

Dionisio Tasende camiñaba de forma infatigable coas súas cámaras ao ombro, buscando unha e outra vez as luces do amencer e os seus efectos de contraluz. Gran observador das persoas no seu ambiente e contorno natural, cultivou o retrato de escenas espontáneas, captadas no seu momento preciso con rapidez e anticipación, grande expresividade, riqueza de matices e sentido da composición. Unha vez no seu laboratorio, investigaba con distintas técnicas, revelando e positivando as súas fotografías de forma lenta e pracenteira, pero con tenacidade e emoción.

Entre os anos 1955 e 1989 conseguiu máis de douscentos premios en concursos e salóns fotográficos nacionais e internacionais, entre os que destacan: Premio Certamen Internacional Luis Ksado de Nova York (1981), Gran Premi Medalla de Oro Salón Internacional de Andorra (1966), Premio de Honor e Primeiros Premios no Salón Internacional de Valladolid (1967, 1965, 1964), Premios de Honra e Primeiros Premios no Concurso Nacional de Paisajes, Costumbres y Trabajos Españoles de Sevilla (1980, 1978, 1976, 1973), dous Premios de Honra e tres primeiros premios no Concurso Nacional Asociación Fotográfica ‘Casal Tarragoní’ de Tarragona (1976, 1975, 1974, 1973, 1966), catro primeiros premios no Concurso Nacional Centro de Lectura “Rosa de Reus” (1971, 1970, 1969)... e así ata un total de 56 primeiros premios en concursos nacionais.

Como figura clave na fotografía galega, en 1984 é invitado a expoñer dez fotografías na I Fotobienal Vigo84, mostra organizada coa intención de recuperar a memoria fotográfica galega e proxectala cara ao exterior. En 1990 é seleccionado de novo para a IV Fotobienal Vigo90. En 1986, a Fédération Internationale de l’Art Photographique concédelle a distinción ‘Artista FIAP’ en homenaxe á súa dedicación, aos seus traballos, á súa técnica no campo da arte fotográfica e en recoñecemento aos eminentes servizos prestados á causa da fotografía”.