Ábrese o prazo para a presentación de solicitudes para os complementos retributivos de recoñecemento á excelencia curricular e de xestión do profesorado universitario

As resolucións publicadas hoxe no DOG teñen como obxectivo premiar o labor de mellora docente e investigadora do profesorado das universidades públicas galegas

Mér, 23/04/2014 - 13:50
Ábrese o prazo para a presentación de solicitudes para os complementos retributi
Ábrese o prazo para a presentación de solicitudes para os complementos retributivos de recoñecemento á excelencia curricular e de xestión do profesorado universitario

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dúas resolucións polas que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais ao complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente, investigadora, e de xestión, do profesorado universitario; e se abre o prazo para a presentación de solicitudes. Esta convocatoria ten como obxectivo premiar o labor destacado de mellora nos eidos docentes e investigadores por parte do profesorado das tres universidades públicas galegas.

As resolucións publicadas hoxe son do 5 e 6 de febreiro de 2014 demostrando que, como afirmaba a  Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) na súa páxina web, estaban en tramitación dende fai varios meses, e que se non se publicou ata agora foi por retrasos na tramitación administrativa.

Poderán presentarse a esta convocatoria o persoal docente, de xestión e investigador, como funcionarios ou contratados como doutores, de calquera das universidades públicas de Galicia. Os solicitantes deberán ter unha praza fixa e estable, acreditar un ano de servizo na súa praza e ter recoñecidos -con efectos do 31 de decembro de 2013- dous quinquenios de docencia pola Universidade.

Os méritos que se valoran, de entre os aprobados pola CGIACA e recollidos nos anexos das resolucións que publica hoxe o DOG, estarán comprendidos no período 2008-2013. O pagamento das correspondentes retribucións obtidas polo profesorado faranse con efectos do 1 de xaneiro de 2014.  

As solicitudes dirixiranse á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e poderán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os interesados teñen un prazo de 30 días naturais para presentar a súa solicitude. Mañá xoves 24 de abril o Diario Oficial de Galicia publicará a terceira e última resolución relativa á asignación dos complementos retributivos do persoal universitario.