Política Lingüística promove os cursos de verán da USC nos que aprenden galego máis de 80 estudantes de 27 países

O Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega organizan o Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia, nos que xa participaron máis de 2.200 alumnos e alumnas

Xov, 08/07/2010 - 14:15
Anxo Lorenzo con Casares Long e Francisco Fernández Rei
Anxo Lorenzo con Casares Long e Francisco Fernández Rei, minutos antes da apertura oficial dos cursos

Un total de 85 alumnos e alumnas procedentes de 27 países de todo o mundo aprenden galego este verán na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Fano a través do Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia, que organizan o Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega e que financia a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

No acto de apertura oficial do curso, que tivo lugar esta mañá na Facultade de Filosofía da USC, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu no feito de que “a todos os alumnos e as alumnas do curso os une o ánimo de coñecer a lingua, a cultura e a historia que nos identifica aos galegos e galegas no mundo”.

Durante a súa intervención, e respecto aos estudantes doutras comunidades autónomas, o secretario xeral tamén fixo fincapé en que o interese e a sensibilidade destes estudantes por coñeceren outras linguas oficiais distintas ao castelán “contribúen a impulsar a percepción da realidade plurilingüe de España como un ben de toda a cidadanía”.

Finalmente, o secretario xeral desexoulles aos estudantes unha feliz estadía en Santiago de Compostela, “cidade universal, que a través das súas peregrinacións foi sempre lugar de encontro de linguas e de culturas diversas”, concluíu.

Xunto con Anxo Lorenzo, tamén participaron na apertura oficial dos cursos o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; a directora do ILG, Rosario Álvarez Blanco; e o director dos Cursos de Verán, Francisco Fernández Rei.

85 estudantes de 27 países

A de 2010 é a vixésimo terceira edición dos cursos, nos que xa participaron máis de 2.200 alumnos e alumnas de moi diversos países de todo o mundo. Esta ano os 85 estudantes matriculados proceden de 27 estados: Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Costa Rica, Croacia, Cuba, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Indonesia, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Perú, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Ucraína e Xapón.

Unha oportunidade para familiarizarse coa lingua e a cultura galegas

O alumnado está repartido en catro grupos: Elemental A, Elemental B, Medio e Curso Superior de Filoloxía Galega. O profesorado que imparte os cursos son membros dos seminarios da Real Academia Galega, do ILG e da Facultade de Filoloxía da USC.

Esta iniciativa pretende darlles aos estudantes a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Amais das clases teóricas e prácticas de lingua galega, están programadas dez conferencias impartidas por escritores e por persoas de recoñecido prestixio en distintos aspectos da realidade sociocultural de Galicia (literatura, sociolingüística, historia, xornalismo, música, psiquiatría etc.) como son Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Xosé Luís Axeitos, Xosé Manuel Salgado ou Uxía Senlle.

No marco do curso tamén se organizan excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.

O secretario xeral de Política Lingüística agradece aos alumnos o seu interese polo galego

Anxo Lorenzo presenta os cursos da USC

Menús News node R

Departamento

Colectivo

Ensinanza