Cultura e Educación convoca o IV Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura” no que 70 creadores darán a coñecer os seus traballos

O Gaiás ábrelle as portas do 9 ao 12 de setembro a artistas emerxentes e convídaos a reflexionar con nomes xa consolidados como Lois Patiño, Din Matamoro, José Manuel Ballester e Dora García

Como novidade, a Cidade da Cultura reserva ata un total de 20 prazas a maiores de 35 anos para establecer un diálogo creativo entre artistas de distintas xeracións

Os interesados deben mandar o seu proxecto antes do 4 de xullo e cubrir o formulario dispoñible en www.cidadedacultura.org

Lun, 21/04/2014 - 13:35
 Cultura e Educación convoca o IV Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura”
Cultura e Educación convoca o IV Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura” no que 70 creadores darán a coñecer os seus traballos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o ‘IV Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’, no que setenta creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea ao longo de catro días de convivencia e intercambio de experiencias con outros axentes culturais.

Dirixido a mozos nacidos entre 1979 e 1996 (ambos inclusive), o IV Encontro de Artistas Novos terá lugar do 9 ao 12 de setembro e poderán optar a unha praza estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns e todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Como novidade de este ano, vinte das setenta prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións nun proceso creativo aberto.

O Encontro de Artistas Novos volve ao Gaiás da man de Rafael Doctor, figura ben recoñecida e respectada no mundo da arte contemporánea, co obxectivo de apoiar o promover o seu labor creativo e o intercambio de coñecemento, seguindo dúas das liñas estratéxicas da consellería que dirixe Xesús Vázquez: a aposta pola educación e o coñecemento como eixes do progreso e o benestar.

Encontros con artistas e ‘art followers’

A Cidade da Cultura de Galicia converterase, do 9 ao 12 de setembro, en escenario de intercambio onde reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística contemporánea e outros máis concretos e relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección.

Ademais de favorecer a convivencia entre artistas galegos e procedentes doutros lugares, o Encontro favorecerá o debate sobre a situación actual da arte contemporánea e proporcionará un espazo de encontro e intercambio de coñecementos de ideas entre artistas e outros axentes do sector como críticos ou comisarios.

Deste xeito, os participantes poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea como Lois Patiño, Din Matamoro, José Manuel Ballester e Dora García.

Xunto aos artistas, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa e Semíramis González serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán ‘art followers’.

Intervención nas Torres Hejduk

Como xa vén sendo habitual, este ‘IV Encontro de Artistas Novos’ celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

A maiores, a Cidade da Cultura de Galicia abre a posibilidade de que algún dos participantes sexa elixido para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. O gañador da primeira convocatoria foi o proxecto colectivo ‘En ningún lugar’, de Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariza e Pablo Martínez Muñiz, baixo o comisariado de Carlos Delgado Mayordomo, cinco intervencións a través das que se reformulou o significado das Torres Hejduk.

Esta iniciativa da Cidade da Cultura busca apostar polo talento emerxente no complexo do Gaiás, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.

A metade das prazas para artistas galegos

O IV Encontro de Artistas Novos convoca un total de setenta prazas, das que o 50% estarán destinadas aos solicitantes nacidos ou residentes en Galicia e o outro 50% aos solicitantes de procedencia estatal e internacional.

A obtención dunha praza inclúe a matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o luns 8 de setembro ata o venres 12 de setembro (ambas as dúas inclusive) e transportes diarios desde o Monte do Gozo ata a Cidade da Cultura.

Solicitudes ata o 4 de xullo

Poden optar a unha praza todos aqueles profesionais nacidos entre 1979 e 1996 e que non participaran nas tres edicións anteriores. A convocatoria é aberta e poderán participar tanto estudantes e licenciados en Belas Artes e afíns como todos aqueles que mediante a documentación presentada demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico.

A solicitude deberá efectuarse antes das 15:00 horas do venres 4 de xullo xunto á documentación requirida: boletín de subscrición, fotocopia do DNI ou pasaporte, curriculum vitae abreviado (máximo unha folla), dossier de presentación do traballo artístico en formato papel (máximo 15 follas) e un resumo (máximo unha folla) da presentación a realizar no Foro ao mail encontro@cidadedacultura.org.

O nome dos seleccionados darase a coñecer o xoves 24 de xullo e deberán confirmar a súa participación antes do 1 de agosto. As bases completas do ‘IV Encontro de Artistas Novos’ poden consultarse e baixarse en www.cidadedacultura.org, así como o boletín de subscrición.