Cultura e Educación e a ACSUG asinaran un convenio de colaboración para a avaliación da calidade das ensinanzas artísticas superiores e de mestrado conforme co espazo europeo de educación superior

A Xunta traballa neste documento que ten como finalidade garantir as equivalencias reais entre estas ensinanzas e os títulos universitarios
O obxectivo da Consellería é a mellora da calidade formativa e lograr a homexenización dos procedementos de avaliación da calidade cos títulos universitarios
Dom, 20/04/2014 - 10:00
Cultura e Educación e a ACSUG asinaran un convenio de colaboración para a avalia
Cultura e Educación e a ACSUG asinaran un convenio de colaboración para a avaliación da calidade das ensinanzas artísticas superiores e de mestrado conforme co espazo europeo de educación superior

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinará un convenio de colaboración coa Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego para o seguimento e garantía de calidade das ensinanzas artísticas superiores que tal e como establece a LOMCE son equivalentes a graos universitarios. Deste xeito a Xunta traballa no establecemento e aplicación dos procedementos de avaliación das ensinanzas artísticas superiores, así como a concreción dos mecanismos de colaboración entre a Consellería e a ACSUG para levar a cabo as avaliacións mencionadas.

A normativa

A Xunta desenvolve o mecanismo para a aplicación do artigo 45.2 da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio de Educación modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa. As ensinanzas artísticas comprenden a música, a danza, as artes plásticas e deseño, a arte dramática, a conservación e restauración de bens culturais, así como outras manifestacións artísticas que o Goberno determine. Cómpre recordar que o alumnado que remate os estudos antes nomeados obtén un título superior equivalente ao título universitario de grao, a tódolos efectos.

Ademais estes estudos forman parte do Espazo Europeo de Educación Superior, feito que comporta un cambio na estrutura das ensinanzas pero tamén na súa metodoloxía, que centra o seu obxectivo no proceso de aprendizaxe de cada alumno/a que adquire competencias nun contexto ao longo da súa vida.

Compromisos de colaboración

A administración autonómica esta traballando no desenvolvemento duns compromisos de colaboración polos que a Cultura e Educación, a través a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, desenvolverá o procedemento previsto no marco para o seguimento e a acreditación dos títulos oficiais, establecido polo ACSUG, en canto á presentación das propostas de ensinanzas artísticas superiores de acordo cos modelos establecidos no marco regulador, así como tamén facilitará a interlocución cos centros de ensinanzas superiores.

Ademais a Inspección Educativa participará na aplicación do marco para o seguimento e a acreditación dos títulos oficiais, no relativo ás actuacións de seguimento, acceso e admisión do alumnado, planificación da titulación, persoal docente e recursos materiais e servizos e calquera outro aspecto, cuxa regulación dependa da Consellería.

Por outra banda a ACSUG aplicará o procedemento de avaliación establecido no marco para a verificación, o seguimento, a modificación e a acreditación dos títulos oficiais, e realizará tarefas de asesoramento e acompañamento aos órganos da Consellería.