Cultura e Educación levará a MICSUR a música e as empresas culturais de Galicia como único territorio participante fóra dos países de Mercosur

O Mercado das Industrias Culturales del Sur, que terá lugar na cidade arxentina de Mar del Plata do 14 ao 18 de maio, acollerá tamén un concerto colectivo de artistas galegos

A Consellería publicará nos vindeiros días unha convocatoria de axudas para contribuír á presenza das compañías que sexan convidadas especificamente pola organización do encontro

O protagonismo especial que terá a cultura galega en MICSUR é un dos acordos acadados durante a celebración de MICAtlántica o pasado mes de novembro en Compostela

Xov, 17/04/2014 - 11:00
 Cultura e Educación levará a MICSUR a música e as empresas culturais de Galicia
Cultura e Educación levará a MICSUR a música e as empresas culturais de Galicia como único territorio participante fóra dos países de Mercosur

A música e as empresas culturais galegas terán, da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un protagonismo moi activo en MICSUR, o Mercado de las Industrias Culturales del Sur que desenvolverá a súa primeira edición na cidade arxentina de Mar del Plata do 14 ao 18 de maio.

De feito, Galicia será o único territorio de fóra dos dez países latinoamericanos que integran Mercosur que participará con pleno dereito neste encontro, a través dunha delegación empresarial e dun concerto colectivo de artistas que ofrecerán unha noite musical dedicada á nosa Comunidade.

O obxectivo de MICSUR é desenvolver corredores comerciais, promover sinerxías de traballo común e impulsar o intercambio entre as canles de creación, produción e distribución de produtos culturais, así como xerar unha oferta compacta para a participación en feiras, festivais e encontros internacionais. Galicia intégrase neste núcleo como resultado dos acordos acadados na primeira edición de MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que se celebrou en Santiago de Compostela o pasado mes de novembro, organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Secretaría de Cultura da Nación Arxentina.

Proxecto global

No transcurso de MICAtlántica propiciáronse máis de 1.500 reunións comerciais entre  preto de 400 creadores e empresas de Galicia, Portugal e Arxentina, que se plasmaron en distintos convenios de colaboración e alianzas institucionais. Unha destas alianzas foi precisamente a próxima participación de Galicia en MICSUR, co que a Consellería de Cultura dota de continuidade o seu proxecto global de internacionalización dos nosos produtos e servizos culturais e materializa en accións concretas os lazos que unen a nosa Comunidade con Latinoamérica no eido das industrias culturais e creativas.

Ao igual que en MICATlántica, en MICSUR estarán representados os sectores da música, o audiovisual, artes escénicas, deseño e artesanía, videoxogos e editorial. Así, unha delegación de empresas galegas de diversos sectores das industrias culturais desprazaranse a Mar del Plata co fin de estreitar lazos comerciais e artísticos cos seus pares nos dez países participantes: Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Ecuador, Bolivia, Perú, Uruguai, Paraguai e Venezuela.  

Con esta finalidade, a Consellería de Cultura e Educación publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia unha convocatoria pública de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para contribuír a sufragar parte dos gastos de desprazamento e  garantir a presenza en MICSUR  das empresas galegas, sempre que estas sexan convidadas especificamente pola organización do encontro.

Colofón con música en vivo

O colofón da presenza galega en MICSUR será a noite dedicada á música de Galicia, que terá lugar na sinalada data do 17 de maio, Día das Letras Galegas. O Teatro Colón de Mar del Plata acollerá o espectáculo ‘Atlántic@s’, baixo a dirección artística da cantante Uxía Senlle, e no que participará unha representación dalgúns dos artistas máis relevantes do panorama musical galego.

Ademais, o concerto repetirase ao día seguinte, 18 de maio, no Teatro Sha de Bos Aires.