A Xunta de Galicia entrega os premios do certame de declaracións de amor na rede ‘Lingua de namorar’

Organizado polas consellerías de Cultura e Educación e Traballo e Benestar, ten como finalidade dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación

Enmárcase no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016

Mar, 15/04/2014 - 18:46
Xesús Vázquez Abad presidiu o acto de entrega dos premios
Xesús Vázquez Abad presidiu o acto de entrega dos premios do certame de declaracións de amor na rede 'Lingua de namorar' Autor: Conchi Paz

A Xunta de Galicia vén de celebrar a entrega de premios do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, convocado polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) e de Traballo e Benestar (a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado) con motivo da conmemoración do Día da Candeloria o pasado 2 de febreiro.

A iniciativa, que se enmarca nas medidas postas en marcha pola Administración autonómica para incidir na promoción do uso do galego na mocidade, integra o Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016 e ten como finalidade, ademais, darlle cumprimento ás directrices emanadas do Plan xeral de normalización da lingua galega no eido das mocidade e das tecnoloxías da información e da comunicación.

A entrega, que presidiu o conselleiro Vázquez Abad, tivo lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia e contou coa participación do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e da directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira Otero. No acto, que conduciu a escritora galega Yolanda Castaño e que contou coa interpretación en directo das mensaxes gañadoras polo cantautor Manoele de Felisa, recibiron cadanseu premio as persoas gañadoras dos tres galardóns convocados en cada unha das dúas categorías, amais da mención especial do xurado a outra das pezas presentadas ao certame, que este ano chegou case ao milleiro de participantes.

‘Estimular a interactuación en galego da mocidade’

“A través dos teclados dos vosos ordenadores, de dispositivos móbiles, empregastes a lingua galega para transmitirdes sentimentos semellantes aos das cantigas que se copiaron á man nos antigos cancioneiros. Os tempos mudan -do pergameo á tablet-, pero o galego segue sendo a nosa lingua igual que cando creamos hai máis de 1000 anos, a que empregamos para falar cos que queremos, a que preferimos para a expresión dos sentimentos”, díxolles o conselleiro de Cultura e Educación aos mozos e mozas galardoadas. “Lingua de namorar busca aumentar a presenza da lingua galega en internet e aproveitar as oportunidades de promoción do galego e de participación que ofrece a web 2.0 para estimular a interactuación en galego da mocidade”, rematou.

Fomento da creatividade

Pola súa banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou que programas como ‘Lingua de Namorar’ permiten aos mozos e mozas demostrar as súas capacidades creativas e impulsar actividades onde eles mesmos sexan os protagonistas. Por iso, Rodeiro lembrou que o fomento da creatividade volverá ser un dos eixos principais do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, o novo marco onde se recollerán as accións de todo o Goberno galego para dar resposta ás inquedanzas e ás necesidades da mocidade galega. Este plan, ademais, contará con 11 medidas para fomentar o uso do galego nos distintos ámbitos sociais e mellorar as competencias lingüísticas dos mozos e mozas, xa que a primeira Lei de Xuventude de Galicia, aprobada na pasada lexislatura, inclúe entre os seus eixos prioritarios o de dinamización e promoción da lingua galega entre a mocidade.

Premios á creatividade amorosa en lingua galega

A segunda edición do concurso Lingua de namorar, na que participaron preto dun milleiro de mozos e mozas durante as cinco semanas nas que se desenvolveu o concurso, ben enviando mensaxes, ben como votantes, recolleu nas súas bases dúas categorías de idade.

Na categoría A, de 14 a 19 anos, gañou o primeiro premio Alba García Pose (Santiago de Compostela) coa mensaxe “O zume de laranxa”; a gañadora do segundo premio foi Aitana Iglesias Márquez (Narón), coa mensaxe “Ti = Vida” e a gañadora do terceiro premio foi Ángela Lago Seijo (O Porriño), coa mensaxe “Cando me apertas”. Recibiron, respectivamente, unha Playstation 4 500 XB, unha mesa de mesturas de picadiscos e un mp3 acuático, amais dun diploma acreditativo.

Na categoría B, de 20 a 35 anos, Lidia María Bao Martínez (A Coruña) gañou o primeiro premio coa mensaxe “O amor é producir dúas veces”; o segundo premio recaeu na mensaxe “Cicloxéneses” de Olaia Costas González (Vigo), e o terceiro premio foi para a mensaxe “Todo contigo”, de Borja Pérez Castro (Pontevedra). Recibiron, respectivamente, unha cámara Canon réflex dixital, un GPS de montañismo e un mp3 acuático, amais dunha actividade de aventura para dúas persoas e diploma acreditativo.

O xurado do concurso concedeulle mención especial á mensaxe “O crebacabezas”, de Juan Pons Herrera (Vigo), que recibiu por este recoñecemento un diploma acreditativo e un lote de produtos de cultura en galego. As mensaxes gañadoras, que deberon estar redactadas en lingua galega e non superar os 350 caracteres foron elixidas polo xurado do concurso de entre as 50 declaracións máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha das categorías de idade, pódense ler na páxina do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html.

O galego, lingua da mocidade e da web 2.0

O PXNLG fai fincapé no sector social da mocidade e propón obxectivos e medidas dirixidas a esta franxa de idade que as consellería de Cultura e Educación e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüistica e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, respectivamente, concretan, entre outras iniciativas, no concurso Lingua de namorar. Do mesmo xeito, a folla de ruta do Goberno galego no eido da promoción do uso da lingua propia de Galicia, tamén considera prioritario o sector das TIC.

Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega

Lingua de namorar contribúe ademais, no marco do Plan Estratéxico Xuventude 2013, deseñado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ao fomento da lingua galega entre a mocidade. Coa aprobación da nova Lei de Xuventude de Galicia, ratificada polo Parlamento de Galicia o pasado mes de xuño, as políticas de promoción e dinamización do galego entre a xente nova formarán parte dos sucesivos Plans Estratéxicos de Xuventude impulsados pola Administración autonómica.