As Feiras do Libro comezan este mes en Santiago o seu percorrido por 12 concellos galegos da man da Consellería de Cultura e Educación e da Federación de Librarías

A primeira das citas comezará o vindeiro 24 de abril en Santiago de Compostela

Para reforzar o interese destes eventos, a Consellería apoia unha ampla oferta de actividades de teatro, música e outras disciplinas arredor do libro e da lectura

Ademais, Cultura e Educación promove a participación do sector editorial galego nas principais feiras internacionais do libro, que teñen a próxima cita en Buenos Aires do 24 de abril ao 12 de maio

Ven, 18/04/2014 - 10:00
As Feiras do Libro comezan este mes en Santiago o seu percorrido por 12 concello
As Feiras do Libro comezan este mes en Santiago o seu percorrido por 12 concellos galegos da man da Consellería de Cultura e Educación e da federación de Librarías

O calendario de Feiras do Libro de Galicia chegará nos vindeiros meses a 12 localidades da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Federación de Librarías de Galicia ao abeiro do convenio asinado para tal fin entre ambas as entidades e no marco das actuacións da Xunta de Galicia para a promoción do sector do libro en Galicia. Cómpre lembrar, ademais, que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad apoiará tamén este ano a participación do sector editorial do libro en catro feiras internacionais: Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalaxara (México).

Trátase de iniciativas fundamentais para a promoción do libro, tanto dentro como fóra de Galicia, dada a importancia deste tipo de eventos culturais como escaparate para os traballos realizados polo sector editorial, tendo en conta que as Feiras do Libro de Galicia rexistraron o ano pasado 310.000 visitantes.

A primeira das citas do calendario en Galicia abrirase o vindeiro 24 de abril en Santiago de Compostela, onde as casetas permanecerán ata o 4 de maio. O calendario pecharase do 27 ao 30 de agosto en Monforte e antes percorrerán tamén as localidades de Pontevedra (6 a 11 de maio), de Lugo (13 a 18 de maio), de Vigo (23 de maio a 1 de xuño), de Ourense (3 a 8 de xuño), de Ferrol (11 a 15 de xuño), de Ribadeo (17 a 20 de xullo), de Rianxo (24 a 27 de xullo), da Coruña (1 a 10 de agosto), de Viveiro (14 a 17 de agosto) e de Foz (27 a 30 de agosto).

Programación complementaria arredor da lectura

No 2014 haberá unha ampla oferta de actividades complementarias de música, teatro e outras manifestacións artísticas, co fin de potenciar a lectura entre os diferentes públicos que visitan as feiras. Así mesmo, haberá actividades especiais para colectivos escolares cando estas citas se celebren dentro do período lectivo; e as bibliotecas centrais territoriais (bibliotecas nodais) desenvolverán tamén diversas accións para enriquecer a programación das feiras do libro.

Deste xeito, a Consellería e a Federación de Librarías veñen promovendo unha importante actividade de difusión literaria a través das pro­gramacións de actividades das feiras do libro de Galicia. En 2013 promovéronse charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros etc. durante feiras do libro celebradas na Coruña, en Santiago de Compostela, en Rianxo, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Viveiro, Foz e Monforte.

Apoio á internacionalización do libro e da literatura galegas

Na liña de promoción do sector editorial galego tamén se enmarca a asistencia ás principais feiras internacionais do libro, cun programa desenvolvido en acordo coa Asociación Galega de Editores. Estes eventos constitúen espazos de promoción, difusión e intercambio de produtos culturais galegos en diferentes ámbitos xeográ­ficos de Europa e de América.

En 2014, ademais da participación na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que tivo lugar do 24 ao 27 de marzo, a Consellería volve apoiar a presenza das editoriais galegas nas feiras de Buenos Aires (do 24 de abril ao 12 de maio), na de Frankfurt (do 8 ao 12 de outubro) e na de Guadalaxara (do 29 de novembro ao 7 de decembro). O obxectivo da participación nestes eventos culturais é impulsar a competitividade da literatura galega no mercado internacional, apoiando aos creadores e fomentando a innovación na edición, distribución e promoción do libro galego no exterior.