A Consellería de Cultura e Educación lembra que este venres 18 remata o prazo para os músicos que queiran presentarse a WOMEX

O encontro é unha grande oportunidade de promoción internacional para os grupos galegos, xa que atrae uns 2.500 profesionais de todo o mundo, entre eles, 800 profesionais e máis de 300 xornalistas

Tamén son os últimos 5 días para achegar propostas de conferencias e filmes relacionados coa ‘world music’

Ademais de á selección oficial, os grupos e artistas galegos poden optar a participar no escenario local, denominado ‘Atlantic Connections’

Lun, 14/04/2014 - 14:21
A Consellería de Cultura e Educación lembra que este venres 18 remata o prazo pa
A Consellería de Cultura e Educación lembra que este venres 18 remata o prazo para os músicos que queiran presentarse a WOMEX

Este venres 18 de abril remata o prazo de presentación para músicos que queiran ofrecer un concerto en WOMEX 14, a maior feira mundial das músicas do mundo, que se celebrará en Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

WOMEX é unha extraordinaria oportunidade de proxección internacional para os músicos galegos, dado que inclúe unha feira profesional e uns 60 ‘showcases’ (concertos). Atrae uns 2.500 delegados e 1.260 empresas de máis de 90 países, entre os que hai 800 programadores, máis de 500 selos, editores e distribuidores, así como máis de 300 xornalistas e 130 emisoras de radio. Ademais, tamén acolle un DJ WOMEX Summit, conferencias e sesións de ‘mentoring’ a cargo de 80 oradores e relatores de máis de 25 países e proxeccións audiovisuais, entre outras actividades.

Como participar en WOMEX 14

Cultura e Educación lembra que os músicos que queiran participar en WOMEX 14 poden facelo de catro xeitos. Así, poden presentarse á selección oficial, que é realizada cada ano por un xurado de sete membros destacados da comunidade musical, ou poden optar ao escenario local ‘Atlantic Connections’, desde o que se amosará a escena musical da Península e latinoamericana. Non hai que facer ningunha solicitude por separado, xa que os non seleccionados para a sección oficial serán automaticamente elixibles para este escenario local, que terá un xurado diferente.

Estas son as dúas convocatorias que pechan o 18 de abril, ao igual que a preinscrición de propostas de conferencias e de filmes relacionados coa ‘world music’.Para este último apartado, Womex busca achegas de persoas representativas da música a nivel internacional que desexen presentar a súa visión, a súa proposta ou a súa idea sobre o mundo da música e da súa industria.

Os músicos que non foron elixidos na selección oficial nin na local teñen unha terceira vía para facelo, que consiste en amosar a súa música nun a programadores e outros profesionais desde o escenario offWOMEX Showcase, para o que hai que aboar unha cantidade á organización.

Por último, tamén se brinda a oportunidade de participar na feira profesional, á que asisten máis de 2.000 delegados de todo o mundo. Alí propícianse reunións con profesionais do sector a nivel internacional e dar a coñecer a súa música.

Co resultado de todo este proceso de selección e participación, WOMEX 14 encherá Compostela de música durante cinco días desde dous focos principais: o Womex Day, a feira profesional que terá lugar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia; e o Womex Night, que agrupa os 60 ‘showcases’ que se celebrarán durante tres noites en diferentes recintos e prazas da Cidade Vella de Compostela, tales como a Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio NovaGalicia Banco e Sala Capitol.

Impacto na música e na economía de Galicia

Ademais do valor cultural, o Womex supón un extraordinario efecto económico e de imaxe na cidade que o hospeda, que se valorou nas últimas edicións nun impacto positivo no PIB de máis de 2,5 millóns de euros. Ademais, aproximadamente un 80% do custe da produción reverte directamente nas empresas galegas. Asemade, hai que engadirlle o impacto na imaxe de marca da cidade, do país, do seu tecido cultural e da súa industria musical derivado da visibilidade que produce a proxección internacional da Feira.

WOMEX está promovido e organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. Como socio local participa na organización Nordesía Producións e como entidades patrocinadoras figuran a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Axencia Galega das Industrias Culturais), o Concello de Santiago e INCOLSA. SGAE (Sociedad General de Autores de España), AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Clubtura (Asociación de Salas de Música ao Vivo), Músicos ao Vivo, ACCESS (Asociación Española de Salas de Música), Asociación de Hostalería de Santiago e Cámara de Comercio de Santiago colaboran tamén con Womex 2014.

Máis información nas webs:

http://www.nordesia.com/womex14/

http://www.womex.com