A Consellería de Cultura e Educación destina 3 millóns de euros á convocatoria de axudas para proxectos desenvolvidos por investigadores emerxentes no Sistema Universitario de Galicia

As axudas serán de ata 100.000 euros para cada proxecto, que terá unha duración máxima de tres anos

Esta liña de actuación enmárcase no Plan I2C da Xunta de Galicia de investigación e coñecemento

Lun, 14/04/2014 - 14:15
A Consellería de Cultura e Educación destina 3 millóns de euros á convocatoria d
A Consellería de Cultura e Educación destina 3 millóns de euros á convocatoria de axudas para proxectos desenvolvidos por investigadores emerxentes no Sistema Universitario de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar por terceiro ano consecutivo a convocatoria de axudas para proxectos de investigación desenvolvidos por investigadores emerxentes, no marco do Plan I2C da Xunta de Galicia. A Consellería destina 3 millóns de euros a estas axudas, que terán unha duración non inferior a 12 meses e non superior a 36, e que poderán optar a unha axuda máxima de 100.000 euros por proxecto.  A orde pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.

A convocatoria, que constitúe un apoio fundamental dirixido a aqueles grupos e investigadores que aínda se atopan en etapas iniciais do seu desenvolvemento, vai dirixida a financiar proxectos de investigación dirixidos por investigadores mozos das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que defenderan a súa tese de doutoramento nos últimos 12 anos. O equipo deberá estar formado por un mínimo de tres persoas incluíndo ao solicitante.

O orzamento destinado no 2014 a estas axudas - a mesma contía ca nos anos 2012 e 2013- permitirá o financiamento de arredor de 30 proxectos. Actualmente están gozando da axuda 63 equipos de investigación, beneficiarios das dúas convocatorias anteriores.

Criterio de calidade

Na concesión das axudas primará o criterio de calidade. Así, a selección dos beneficiarios finais das axudas será realizada por avaliadores certificados externos, a través da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad confirma o seu compromiso co avance da investigación universitaria de calidade como un dos piares fundamentais para o avance cara a un sistema universitario de excelencia, cuxos froitos revertan directamente nun beneficio social.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza