Xesús Vázquez Abad apoia os profesionais do audiovisual galego coa súa asistencia á gala dos XII Premios Mestre Mateo

O Palexco da Coruña acolle esta noite a entrega dos galardóns anuais que organiza a Academia Galega do Audiovisual para distinguir os mellores traballos realizados durante 2013

A Consellería de Cultura e Educación colabora coa celebración do evento como parte da política de dinamización que mantén durante todo ano respecto a este sector estratéxico para a cultura galega

Sáb, 12/04/2014 - 22:00
 Xesús Vázquez Abad apoia os profesionais do audiovisual galego coa súa asistenc
Xesús Vázquez Abad apoia os profesionais do audiovisual galego coa súa asistencia á gala dos XII Premios Mestre Mateo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, amosou o seu apoio aos profesionais do sector audiovisual galego, aos que acompañou hoxe na Coruña na celebración da gala de entrega da duodécima edición dos Premios Mestre Mateo, organizados e outorgados pola Academia Galega do Audiovisual (AGA).

Vázquez Abad —xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil— asistiu ao evento que tivo lugar no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da cidade herculina, onde compartiu o acto cunha nutrida representación de directores, intérpretes, deseñadores, técnicos, xestores e produtores dedicados ao audiovisual desde os distintos gremios e a través de todos os formatos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renovou un ano máis a súa colaboración económica con estes Premios como parte da súa política continuada de apoio, mediante distintas liñas de subvención e outras accións concretas, á proxección interior e exterior dun sector considerado estratéxico para o desenvolvemento da cultura galega.

Neste sentido, o pasado 28 de marzo rubricouse un acordo polo que se recoñecen tanto o valor dos Mestre Mateo como estímulo para os profesionais como a súa contribución á difusión da actividade xeral dun sector moi activo.

Un total de 26 categorías

Os galardóns comprenden 26 categorías individuais e colectivas e diríxense tanto a actores e actrices como a guionistas, presentadores, técnicos, deseñadores, directores ou produtores. Son os membros da Academia os que escollen os mellores traballos realizados durante o ano 2013 nun proceso que se realiza en dúas fases de votación: a primeira entre a totalidade dos traballos realizados; e a segunda entre catro finalistas para cada apartado.

No transcurso da gala, que será conducida polo actor Roberto Vilar e transmitida en directo por Televisión de Galicia, entrégase ademais o Premio de Honra Fernando Rey, que este ano recae en Manuel González. A Academia recoñécelle deste xeito toda unha traxectoria de paixón e compromiso co audiovisual galego desde as súas facetas de creador, impulsor da Escola de Imaxe e Son da Coruña, documentalista, mestre e mesmo xestor de políticas culturais.