O concerto 'Toc Toc' chega esta fin de semana a Burela e Oleiros da man de 'FalaRedes 2014', o programa de dinamización lingüística de Cultura e Educación

Tras un mes de marzo repleto de éxitos, o musical infantil-familiar co que botou a andar a terceira edición do programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa coa xira que en abril o levará a outros nove concellos da Rede de Dinamización

O obxectivo desta actividade é achegarlles o galego á xente miúda da casa e ás súas familias dun xeito lúdico e divertido

Ven, 04/04/2014 - 18:03
O concerto 'Toc Toc' chega esta fin de semana a Burela e Oleiros da man de 'Fala
O concerto 'Toc Toc' chega esta fin de semana a Burela e Oleiros da man de 'FalaRedes 2014', o programa de dinamización lingüística de Cultura e Educación

O concerto infantil-familiar Toc Toc chega esta fin de semana á localidade lucense de Burela e á coruñesa de Oleiros da man do programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Tras un mes de marzo repleto de éxitos, no que preto de 4.000 persoas gozaron do espectáculo do coñecido artista Pablo Díaz, Toc Toc ofrecerá este sábado o seu primeiro concerto de abril en Burela, ás 17:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Xa o domingo, será a veciñanza de Oleiros a que poderá gozar dun pase ás 18:00 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera.

Coma sempre en FalaRedes, o acceso é libre e de balde ata completar a capacidade das salas, e en ambos os dous concellos se poñerán as entradas a disposición do público o mesmo día no lugar do concerto.

Toc Toc é a primeira das cinco propostas de promoción social do idioma que ofrecerá o programa este ano, un espectáculo musical no que Pablo Díaz interpreta as cancións do seu libro-disco homónimo, publicado recentemente pola editorial Galaxia. Destinado a nenos e nenas de 3 a10 anos de idade e ás súas familias, nel a xente miúda da casa cántalle á alegría e á amizade, á vez que aprende valores como a paz ou o ecoloxismo, dun xeito lúdico e co galego como lingua.

A música como fonte de transmisión do galego

Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, convertendo o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que os nenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade.

Tras visitar en marzo 11 localidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, o concerto de Pablo Díaz continúa da man de FalaRedes 2014 cunha xira que en abril o levará en exclusividade a outros nove concellos adscritos á RDL, ata completar un calendario de 20 actuacións. Así, tras as paradas desta fin de semana en Burela e Oleiros, Toc Toc visitará O Barco de Valdeorras, Bueu, Xinzo de Limia, Vedra, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa e Mos.

FalaRedes

Logo do éxito obtido nas case 400 actividades desenvolvidas nos seus dous primeiros anos de vida, FalaRedes chega á súa terceira edición con 150 novas propostas de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do galego na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.