Anxo Lorenzo presenta en Valencia o novo marco educativo para o sistema non universitario de Galicia

Fíxoo na I Xornada sobre Plurilingüismo na Comunidade Valenciana

Mar, 06/07/2010 - 13:46

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou en Valencia o novo marco educativo no sistema non universitario de Galicia, o Decreto 79/2010. Fíxoo durante a I Xornada sobre Plurilingüismo na Comunidade Valenciana, que se clausurará hoxe á tarde na Cidade das Artes e das Ciencias.

O responsable de Política Lingüística explicou no seu relatorio os principios en que se asenta o Decreto 79/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo no sistema non universitario de Galicia. Ademais de salientar que este novo marco garante a adquisición dunha competencia plena e semellante nas dúas linguas oficiais e a promoción da dinamización da lingua galega nos centros de ensino, Anxo Lorenzo incidiu na aposta polo coñecemento efectivo en linguas estranxeiras.

Potenciación das linguas estranxeiras no sistema educativo

O secretario xeral afirmou que “o decreto persegue que o alumnado remate a súa formación non universitaria cun dominio das dúas linguas oficiais e, ao mesmo tempo, aposta por un ensino plurilingüe. Deste xeito, favorécese que “os centros, dunha maneira gradual e voluntaria, impartan materias en linguas estranxeiras, principalmente en inglés”.

Anxo Lorenzo destacou durante a súa intervención que “a realidade social europea en que vivimos, nun contexto de globalización e de mobilidade laboral, nos sitúa nun espazo internacional de plurilingüismo”. “Esta nova realidade –dixo o secretario xeral– esixe un marco educativo que atenda esta necesidade social, posibilitando a capacitación efectiva do alumnado nas dúas linguas oficiais e nunha ou varias linguas estranxeiras”.

O secretario xeral salientou que “a mobilidade do estudantado e do profesorado que caracteriza a nosa sociedade non debe constituír un obstáculo para alcanzar os obxectivos descritos, senón que debe ser compatible co mantemento da singularidade cultural de Galicia e da lingua propia no ensino”. Por isto, “un dos retos da educación en Galicia é proporcionarlle ao alumnado os coñecementos necesarios para que atope as mellores oportunidades nun mundo cambiante”, concluíu  Anxo Lorenzo.

Plan de potenciación das linguas estranxeiras

Ademais do Decreto 79/2010, o secretario xeral explicou que outro dos instrumentos cos que contará o sistema educativo galego para favorecer o coñecemento efectivo das linguas estranxeiras é o Plan de potenciación das linguas estranxeiras. Esta iniciativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria promove a creación de centros plurilingües e de novas seccións bilingües, o aumento da oferta de formación nas escolas oficiais de idiomas ou a incorporación de auxiliares de conversa nos centros educativos.

Menús News node R