O conselleiro de Cultura e Educación salienta o CEBIOVET como unha aposta de futuro por Lugo e polo posicionamento estratéxico do sistema universitario galego no eido da investigación animal

A Xunta de Galicia vén de aprobar o investimento de preto de 4,5 millóns de euros neste centro

As novas instalacións serán únicas en España e reforzarán a posición do Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina como centro de referencia na investigación en biomedicina veterinaria

Lun, 31/03/2014 - 19:00
O conselleiro de Cultura e Educación salienta o CEBIOVET
O conselleiro de Cultura e Educación salienta o CEBIOVET como unha aposta de futuro por Lugo e polo posicionamento estratéxico do sistema universitario galego no eido da investigación animal

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a creación do novo Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) como unha aposta de futuro da Xunta de Galicia polo campus universitario de Lugo e polo posicionamento estratéxico do Sistema Universitario de Galicia no eido da investigación en animais grandes e medianos. Fíxoo esta tarde tras a sinatura do convenio aprobado o pasado xoves no Consello da Xunta, a través do que se investirán preto de 4,5 millóns de euros en 2014 e 2015 na construción deste centro, que se unirá ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina– vencellado á Universidade de Compostela-  conformando un complexo único en España, reforzando ademais a posición do (HVU-RC) como centro de referencia na investigación nestas materias.

·Falamos dun proxecto moi importante tanto para Lugo como para toda Galicia, que vai contribuír á formación de persoal altamente especializado e ao fortalecemento do campus universitario de Lugo, unha provincia que se caracteriza por dispoñer dunha notable actividade investigadora vinculada a sectores como o agro-gandeiro, polo que as posibilidades que ofrece o novo centro abren as portas a unha forte actividade investigadora centrada nesta provincia”, dixo Xesús Vázquez. “A construción do CEBIOVET é unha proba máis de que desde a Xunta de Galicia apostamos por Lugo, unha provincia que está a sentar as bases para xogar un importante papel no futuro de Galicia, que debe ter un dos seus eixes fundamentais na investigación e a innovación, é dicir, no coñecemento”, engadiu.

Segundo explicou o conselleiro, a creación do CEBIOVET suporá un salto cualitativo enormemente importante, permitindo abrir novas liñas de investigación e novas oportunidades docentes, ao posibilitar o traballo con modelos animais máis próximos á nosa especie. “Áreas como a xenética, a farmacoloxía, a fisioloxía, a cirurxía, a inmunoloxía, a nutrición e a medicina clínica terán a posibilidade de abordar proxectos actualmente non realizables e de maior transcendencia con fin de extrapolar os resultados á nosa especie”.

Instalacións de referencia en Europa

Segundo explicou o conselleiro, dada a escasa implantación deste tipo de instalacións no noso país, “o CEBIOVET vai constituír por si mesma unha oportunidade de gran interese para  as empresas galegas e as  de ámbito nacional que, beneficiándose da  transferencia do coñecemento científico, pode dar saída a  novos produtos e servizos”. Cómpre lembrar que o novo centro vai contar con todos os estándares para que nel se poidan facer traballos en colaboración con calquera empresa ou centro investigador, xa que as súas instalacións van estar de acordo coa última normativa reguladora das características que deben ter os centros nos que se realiza investigación con animais - ano 2013-; unhas condicións de calidade que, neste momento, teñen moi poucos centros deste tipo en Europa.

Neste sentido o conselleiro lembrou que un dos obxectivos que se persigue coa creación deste centro é o de intensificar as relacións entre universidade e empresas relacionadas co sector, procurando ademais o establecemento de novas colaboracións estratéxicas de gran importancia, co impulso económico que isto supón. Asemade, co novo centro búscase dar resposta ás crecentes demandas dos grupos de investigación da facultade e do campus de Lugo, así como e facilitar a renovación da acreditación europea da Facultade de Veterinaria de Lugo - a única de Galicia- no ano 2018

O edificio

Para a creación do CEBIOVET contémplanse tres actuacións, que permitirán albergar no mesmo edificio os grupos de medianos e grandes animais. En primeiro lugar, reformaranse e ampliaranse os actuais pavillóns de hospitalización e experimentación animal, ao que se unirá a ampliación das  instalacións actuais mediante a construción dun novo pavillón. Ademais, conectaranse os dous edificios mediante a construción dun corredor cuberto que facilite o tránsito entre os diferentes módulos.

En total serán 4.782,10 metroscadrados construídos, contando os edificios e os patios cubertos, cos que imos potenciar as potencialidades que ten a cidade de Lugo no eido da investigación en bioveterinaria.

Ao acto de sinatura asistiron, entre outras autoridades, o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias; o reitor da USC, Juan Casares; a vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez; e a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Mª Jesús Tallón.