A Consellería de Cultura e Educación apoia a organización dos Premios Mestre Mateo como estímulo para a profesión audiovisual en Galicia

Colabora economicamente coa Academia Galega do Audiovisual para o desenvolvemento da duodécima edición dos galardóns, que se entregarán o vindeiro 12 de abril na Coruña

Ambas as entidades subscribiron hoxe un convenio de colaboración no que se referenda a contribución do departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ao evento

Ven, 28/03/2014 - 13:15
Jacobo Sutil, e o presidente da AGA, Antonio Mourelos, asinaron este acordo
Jacobo Sutil e o presidente da AGA Antonio Mourelos asinaron este acordo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Galega do Audiovisual (AGA) subscribiron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dos XII Premios Mestre Mateo, a través dos que se busca recoñecer e estimular o labor desenvolvido pola profesión audiovisual en Galicia. O nome dos gañadores desta edición darase a coñecer no transcurso da gala que se celebrará no Palexco da Coruña o vindeiro 12 de abril.

Cultura e Educación mantén un ano máis o seu apoio económico á organización deste evento, ao considerar que toda a traxectoria destes galardóns contribúe a fomentar a calidade dun sector estratéxico e en auxe en Galicia, así como ao recoñecemento a todos os axentes implicados que traballan nos distintos formatos e xéneros audiovisuais, referentes tanto dentro como fóra da Comunidade galega.

En representación do departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, e o presidente da AGA, Antonio Mourelos, asinaron este acordo no que se referenda a colaboración entre ambas as entidades no tocante á promoción e potenciación do sector audiovisual galego en xeral, tarefa común que culmina coa propia celebración dos Mestre Mateo.

Neste sentido, o texto do convenio pon de manifesto o mérito destes galardóns, que comprenden 26 categorías individuais e colectivas e se dirixen tanto a actores como a guionistas, presentadores, técnicos, deseñadores, directores ou produtores; ademais da súa contribución á preservación e difusión da cultura galega.

Tamén se valora a capacidade da AGA para establecer proxectos de colaboración con outras entidades homólogas do Estado e as proxeccións que se ofrecen para  que o público poida visionar as obras premiadas despois da gala.