Galicia avanza na mellora do seu sistema de bibliotecas coa constitución do consello de cooperación bibliotecaria

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, preside este órgano consultivo, que na súa primeira reunión valorou positivamente a solicitude do Concello de Ferrol de recoñecer a biblioteca municipal de Ferrol coa categoría de central territorial

A elaboración do Mapa de bibliotecas de Galicia e o desenvolvemento da Lei de bibliotecas de Galicia centraron a orde do día da sesión inaugural

Tamén se informou sobre a fase do procedemento de incorporación de catro novos centros, de Carballo, As Pontes de García Rodríguez, Cerceda e A Baña, á Rede de Bibliotecas de Galicia

Mér, 19/03/2014 - 14:26
O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, preside este órgano co
O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, presidindo este órgano consultivo,

Galicia avanza na mellora e modernización do seu sistema de bibliotecas coa constitución do Consello Galego de Cooperación Bibliotecaria, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que ten como obxectivos principais actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia, potenciar a cooperación entre todas as administracións con competencias no sistema galego bibliotecario e informar o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

As bibliotecas nodais, as municipais, as universitarias, as especializadas, as privadas e as escolares están representadas neste novo órgano, xunto coa Biblioteca de Galicia,  no que tamén participan as asociacións de profesionais de bibliotecarios/as e o Consello da Cultura Galega. O conselleiro agradeceulles a todas as institucións representadas a súa “implicación na consecución de mellora e modernización das nosas bibliotecas e do servizo que prestan, o que favorece a pluralidade e un enriquecemento para este proceso de traballo que iniciamos”.

Novo categoría para a biblioteca municipal de Ferrol

Na súa primeira reunión, na que tamén participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, como vicepresidente deste órgano, o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia valorou positivamente a solicitude do Concello de Ferrol de adscribir a biblioteca municipal ferrolá á categoría de biblioteca central territorial, dadas as súas características e o territorio ao que presta os seus servizos.

Deste xeito, o consello prevé que a biblioteca de Ferrol cumprirá todos os requisitos establecidos polo Mapa de bibliotecas de Galicia para poder ser adscrita a este tipo de biblioteca, xunto coa biblioteca González Garcés da Coruña, a Antonio Odriozola de Pontevedra, a Juan Compañel de Vigo, a Ánxel Casal de Santiago de Compostela e as bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense. Polo tanto, coa incorporación de Ferrol, todas as cidades galegas contarían cunha biblioteca central territorial. 

Esta nova consideración implica para a biblioteca de Ferrol que nas axudas ou achegas da Consellería de Cultura e Educación se beneficiará dun maior investimento para acometer as funcións atribuídas a este tipo de bibliotecas, que deben ofrecer servizos bibliotecarios integrais ao territorio no que están asentadas. A biblioteca conservará a súa titularidade municipal e será no marco dun convenio no que se regule a colaboración de Cultura e Educación co Concello de Ferrol para o centro bibliotecario, en función da nova condición.

Elaboración do Mapa de bibliotecas de Galicia

O Mapa de bibliotecas de Galicia será o que determine finalmente a que categoría se adscribe cada unha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Nesta primeira sesión, o Consello de Cooperación Bibliotecaria tamén aprobou o procedemento de elaboración deste mapa, no que se identificarán os servizos bibliotecarios dispoñibles e as necesidades de lectura pública, e que servirá para planificar o tipo de servizos que lle corresponde a cada poboación conforme aos estándares establecidos para a Rede e pendentes de aprobación polo Consello de Cooperación Bibliotecaria. A elaboración do censo de bibliotecas é a primeira acción do proceso de creación do mapa, que xa está en marcha. 

Desenvolvemento da Lei de bibliotecas

Para desenvolver o establecido na Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia, o Consello de Cooperación Bibliotecaria tamén aprobou a regulación, a través dos correspondentes instrumentos normativos, do préstamo interbibliotecario e a catalogación nas bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia, do sistema de elaboración e difusión das estatísticas da rede, do procedemento aplicable á adquisición de bens mobles e a súa custodia e utilización na Biblioteca de Galicia e outras bibliotecas de xestión autonómica, da composición e as funcións dos consellos asesores de bibliotecas centrais territoriais, dos criterios mínimos dos convenios entre os concellos e as entidades privadas para o establecemento de bibliotecas locais e de proximidade, e dos custos máximos e mínimos das taxas e prezos públicos pola prestación de servizos transversais, así como a cesión de espazos das bibliotecas para uso.

Ademais, regularanse tamén os e prezos públicos na prestación de servizos das bibliotecas de xestión autonómica.

Incorporación de novos centros á Rede de Bibliotecas de Galicia

Ademais, o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia tamén coñeceu a situación de tramitación das solicitudes de creación, rexistro e integración na Rede das bibliotecas da nova biblioteca de Carballo, a biblioteca municipal da Silva (Cerceda), a axencia de lectura municipal da Baña, a biblioteca municipal das Pontes de García Rodríguez, a biblioteca municipal Ágora  (A Coruña), a biblioteca municipal Sta Marta (Santiago de Compostela) e a municipal de Pantón; así como o recoñecemento da Biblioteca da Real Academia Galega como de especial interese para Galicia.