Xesús Vázquez Abad visita a ampliación realizada no CEIP de Bergantiños que supuxo un investimento de 1,14 millóns de euros

Esta actuación, xa rematada, deu paso a un novo aulario, que contará cun patio cuberto, con capacidade de ata 225 estudantes de infantil

Mar, 18/03/2014 - 11:00
Xesús Vázquez Abad na visita ao ampliado CEIP Bergantiños en Carballo
Xesús Vázquez Abad na visita ao ampliado CEIP Bergantiños en Carballo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Bergantiños onde comprobou o resultado final das obras de ampliación do aulario de educación infantil realizadas polo seu departamento e que supuxeron un investimento de máis de 1,14 millóns de euros, e que xa están en condicións de abrir a súas portas.

Grazas a esta ampliación o CEIP Bergantiños conta cunha nova construción, situada na mesma parcela do colexio, que acolle ao novo aulario. Este espazo esta dividido en 9 aulas dispostas arredor dun patio-xardín cuberto con aseos para nenos, aseo e sala de profesores, un aula de usos múltiples e psicomotricidade, así como as zonas de acceso e almacenamentos. O conselleiro afirmou que “esta nova construción poderá albergar ata a 225 estudantes e dará unha maior e mellor resposta as necesidades tanto das alumnas e alumnos como dos propios docentes”.

Vázquez Abad recordou que unha vez rematada a obra e de cara ao funcionamento do centro “que podería comezar case de xeito inmediato, pero que en principio está previsto, segundo decidiu a dirección do colexio, que sexa para o curso 2014-2015”. Neste senso, recordou que “a Consellería continuará a traballar e dotará esta instalación mobiliario preciso que suporá un investimento superior aos 26.000 euros”.

Apoio da Consellería

Esta intervención realizada pola Consellería, relativa ás novas infraestruturas e equipamento, únese aos preto de 92.000 euros achegados para a mellora das instalacións e fondos da biblioteca escolar e máis para o desenvolvemento dos contratos-programas asinados, tanto neste curso como no pasado, con este centro. Neste curso a iniciativa de contratos-programa implica a 30 estudantes na liña de reforzo, orientación e apoio, na modalidade de acompañamento fóra do horario escolar.

Xesús Vázquez tamén visitou a biblioteca do centro, que está integrada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), así como a aula dixital coa que conta o centro. Unhas instalacións e equipamentos que nestes momentos benefician as preto de 600 alumnas e alumnos que están matriculados no CEIP.

Durante o percorrido, no que o conselleiro estivo acompañado pola directora do colexio, María Elena Civeira, tamén estiveron presentes a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo e o xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana.