Educación aproba o decreto de ordenación da Formación Profesional en Galicia, que favorecerá a inserción laboral

Con esta norma desenvólvese a Lei de cualificacións profesionais

Xov, 01/07/2010 - 15:50

Galicia contará o vindeiro curso cun decreto de regulamento da Formación Profesional para formar ás persoas conforme as necesidade do sistema produtivo de Galicia. O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace a este texto, cuxa elaboración era unha tarefa pendente desde a aprobación da Lei de cualificacións profesionais en 2002 e no que a actual consellería vén traballando desde o inicio da lexislatura.

Con este decreto queda regulada a formación profesional do sistema educativo no ámbito de Galicia, o que permitirá definir os currículos dos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de xeito que adapten as novas titulacións ao campo profesional e de traballo da comunidade, e ás necesidades de cualificación do sector produtivo correspondente canto a especialización e polivalencia. Deste xeito, a Consellería de Educación cumpre co seu compromiso de traballar polo fomento da inserción laboral cualificada e unha proxección profesional futura dos titulados de FP.

Flexibilidade da oferta

Entre as importantes novidades deste decreto cabe salientar a flexibilidade das ofertas formativas, con módulos de menor duración que permitan a posibilidade de combinar o estudo coa actividade laboral ou obrigas familiares. A consellería quixo con este texto ofrecer ás persoas adultas a posibilidade de melloraren a súa cualificación profesional, combinando as variables de traballo, responsabilidades persoais e formación permanente ao longo da súa vida. Con este fin, o decreto regula as ensinanzas de formación profesional a distancia, co obxecto de que se lles poidan ofrecer –chegado o momentoás persoas novas e adultas, como resposta aos seus intereses, e ás súas capacidades e necesidades.

Nesta mesma liña organízanse os módulos en unidades formativas de menor duración que os orixinais, co fin de facilitar a aprendizaxe permanente dos estudantes, cunha maior flexibilidade que permita compatibilizar a FP co desempeño dun posto de traballo; respectando, en todo caso, a necesaria coherencia da formación asociada a cada unha delas.

Ademais, e para dar cumprimento ao decreto, cada currículo de grao medio ou superior incluirá a identificación do título, o seu perfil profesional, o contorno profesional, a prospectiva do título no sector ou nos sectores, as ensinanzas do ciclo formativo, e a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención.

Linguas e novas tecnoloxías

Pensando no futuro dos nosos estudantes, e de cara a unha maior e máis exitosa inserción laboral cómpre destacar a novidosa incorporación das linguas estranxeiras e das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) á FP. En virtude deste marco normativo, os currículos dos ciclos formativos poderán incorporar un módulo profesional de lingua estranxeira. Ademais, Educación ha promover accións dirixidas á mellora das competencias lingüísticas do alumnado de formación profesional para favorecer a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos.

No tocante ás TIC, estas incorporaranse en todos os ciclos formativos de xeito transversal e a través das actividades de ensino e aprendizaxe. Ademais, poderá haber módulos específicos nesta materia en determinados ciclos formativos.

Doutra banda, a Consellería promoverá a colaboración coas empresas, especialmente coas máis implicadas en sectores claves da economía galega e as relacionadas con sectores emerxentes. O obxectivo desta colaboración é que os estudantes poidan realizar o módulo de formación en centros de traballo. Ademais recóllese a actualización profesional das traballadores e traballadores, así como do profesorado, a través, por exemplo, de estadías temporais dos docentes nas empresas, tanto para a formación do seu persoal como para renovar as súas competencias.

Carnés profesionais

Na liña de preparar as persoas para o mundo laboral, o decreto de ordenación da FP establece que os currículos dos ciclos deberán incluír a formación requirida para a obtención de carnés profesionais, certificados de capacitación profesional ou calquera outro tipo de habilitación que sexa competencia da Xunta de Galicia, e que estean relacionados co nivel e o perfil correspondentes.

Mobilidade

Co fin de favorecer a mobilidade cara ao ensino universitario, o alumnado de grao superior de FP poderá acceder directamente á Universidade desde estes estudos, e ademais obter a equivalencia dos módulos cursados en créditos ECTS (European Credit Transfer System) –ata 120 créditos-. Ademais, todas as alumnas e alumnos de FP poderán obter a equivalencia dos módulos superados en créditos ECVET (European Credit system for Vocational Education and Training).

Así mesmo, determinaranse os accesos a outros estudos, as modalidades e as materias de bacharelato que facilitan a conexión co ciclo formativo, as validacións, exencións e equivalencias, e a información sobre os requisitos necesarios segundo a lexislación vixente para o exercicio profesional, cando proceda.

Empregabilidade e prevención de riscos

Un dos obxectivos prioritarios do novo decreto é facilitar a incorporación do alumnado de FP ao mundo laboral. Con este fin inclúese un módulo de formación en centros de traballo, para que os estudantes completen a formación adquirida no centro educativo mediante a realización dun conxunto de actividades en situacións reais de traballo no contorno produtivo do centro. Deste xeito dáse ademais cumprimento ás exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.

Tamén co fin de achegar as alumnas e alumnos á realidade do mercado de traballo, o módulo de proxecto que, de ser o caso, se inclúa nun ciclo formativo, ha permitir integrar de xeito global os aspectos máis salientables das competencias profesionais, persoais e sociais características do título que se abordaran no resto dos módulos profesionais, con aspectos relativos ao exercicio profesional e á xestión empresarial.

Finalmente, os currículos de grao medio e superior ao abeiro do texto hoxe aprobado terán un capítulo dedicado á información e á orientación profesional, así como formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que aumenta a empregabilidade do alumnado que supere estas ensinanzas.