Cultura e Educación proxecta esta semana no CGAC dúas versións do filme ‘Victor ou Victoria’

Mañá xoves e o venres 7 terán lugar dúas novas sesións do ciclo de cinema no CGAC con dúas películas sobre a figura do transxénero

As proxeccións serán ás 20.30 horas no auditorio do CGAC e a entrada é libre e gratuíta

Dentro do Ciclo de música ‘Íntimo & acústico’, Jabier Muguruza dará un concerto este sábado ás 21.00 horas no CGAC onde presentará o seu novo disco ‘Beste Hogei’

Mér, 05/03/2014 - 14:10
 Cultura e Educación proxecta esta semana no CGAC dúas versións do filme ‘Victor
Cultura e Educación proxecta esta semana no CGAC dúas versións do filme ‘Victor ou Victoria’

Despois do éxito da primeira parte do ciclo sobre o cinema italiano, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre esta semana no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o segundo eixo temático deste ciclo: ‘Ninguén é perfecto?’. Esta parte do ciclo centrarase na transexualidade e o travestismo no cinema, un dos maiores tabús do século XX neste ámbito. Mañá xoves proxectarse o clásico estadounidense ‘Victor Victoria’, dirixido por Blake Edwards; e o venres 7 o filme ‘Viktor und Viktoria’, de Reinhold Schünzel.

Estas proxeccións enmárcanse dentro do ciclo ‘Cinema no CGAC’, unha actividade paralela e complementaria á mostra ‘93’, coa que o museo conmemora o seu vixésimo aniversario. As proxeccións, que teñen lugar ás 20.30 horas no auditorio do CGAC, son de entrada é libre e gratuíta ata completar as localidades.

Víctor Victoria’

Vitoria (Julie Andrews) é unha cantante de ópera que non consegue traballo e que está sumida na pobreza no París de 1934. Camiña famenta polas rúas despois de que o cabaré no que traballaba fracasase estrepitosamente. Coa axuda dun veterano cantante homosexual, disfrázase de home e adopta o nome de Víctor. Consegue traballo no cabaré como transformista e ten cada vez maior éxito. Ninguén sospeita que realmente é unha muller, nin sequera un rico home de negocios estadounidense (James Garner), que se namora del... ou dela.

Este clásico do cine estadounidense dirixida por Blake Edwards en 1982 a partir dunha idea de Hans Hoemburg, conta coa interpretación de Julie Andrews, James Garner, Robert Preston, Lesley Ann Warren, Alex Karras, Peter Arne, John Rhys-Davies, Graham Stark, Herb Tanney e Michael Robbins.

‘Viktor und Viktoria’

Suzane é unha cantante de cabaré frustrada porque non logra que a súa carreira arranque no medio dunha Alemaña sumida nunha profunda crise. A súa sorte cambiará cando se faga pasar por un home que se disfraza de muller.

Este filme alemán de1933, no que se baseou a popular película americana protagonizada por Julie Andrews, ten dirección e guión de Reinhold Schünzel e foi interpretada por Renate Müller, Hermann Thimig, Hilde Hildebrand, Friedel Pisetta, Fritz Odemar, Aribert Wäscher, Anton Walbrook, Ernst Behmer, Georg Georgi, Goroll, Karl Harbacher, Trude Lehmann, Henrio Lorenzen, Herbert Paulmüller e Rudolf Platte.

Jabier Muguruza

O cantautor vasco Jabier Muguruza celebra, ao igual que o CGAC, o seu vixésimo aniversario no mundo da música, e o fai presentando o seu disco 'Beste Hogei' (‘Outros vinte’). Desta forma, o vindeiro sábado 8 de marzo ás 21.00 horas, Muguruza ofreceranos un repertorio de temas novos cunha clara declaración de intencións: a de seguir adiante traballando na canción de autor. Este concerto está incluído no ciclo de música ‘Íntimo & acústico’, que organiza o Concello de Santiago e que conta coa colaboración do CGAC.
Trala importante repercusión do disco anterior a nivel nacional e internacional, o artista preséntanos unha obra de textos intimistas escritos polos colaboradores habituais, as súas persoais composicións e o piano de Mikel Azpiroz arroupando as melodías.Con el estará a voz de Mireia Otzerinjauregi, habitual en todos os discos do cantautor publicados os últimos anos.

Ademais, a cantante galega Uxía Senlle, Gorka Benitez ao saxo, Joseba Tapia á trikitixa, Chris Case á trompeta e Xabier Zeberio ao violín, interpretarán algúns temas coa formación vasca para celebrar o seu aniversario. O prezo da entrada é de 10 euros anticipada e de 12 euros na billeteira. As localidades poderán adquirirse no Teatro Principal, na web entradas.novagaliciabanco.es e na recepción do CGAC o día 8 a partir das 19.00 horas.