Cultura e Educación apoia a IX edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que incidirá no coñecemento do léxico patrimonial galego desde o ensino

A Consellería colabora por segundo ano coa Fundación Antonio Fraguas Fraguas neste certame escolar que ten entre os seus obxectivos que o estudantado de educación primaria e secundaria traballe arredor do patrimonio lingüístico galego

Os dous proxectos gañadores implementaranse durante o vindeiro curso escolar 2014-2015

Mér, 05/03/2014 - 13:25
Cultura e Educación apoia a IX edición do Proxecto  Didáctico Antonio Fraguas, q
Cultura e Educación apoia a IX edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que incidirá no coñecemento do léxico patrimonial galego desde o ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas presentaron hoxe, no Museo do Pobo Galego, a IX Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que ten como obxectivo favorecer o achegamento dos escolares de ensino primario e secundario ao patrimonio lingüístico e cultural galego.

Na presentación participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González. García Gómez destacou a colaboración da Xunta de Galicia cunha das entidades “que mellor pode poñer en valor o noso patrimonio lingüístico e, por extensión cultural, conceptos que son parte dun todo que non se pode nin se debe separar, pois é o tesouro fundamental da nosa razón de ser como pobo”. O secretario xeral gabou a figura de Antón Fraguas, recordando que “o mestre de Cotobade, fundamentalmente coñecido como xeógrafo, deu os seus primeiros pasos na vida pública como fundador da Sociedade da Lingua en Pontevedra e tamén como membro integrante das Irmandades da Fala”.

Educación patrimonial

Esta iniciativa, dirixida aos centros educativos de Galicia, baséase na realización dun programa de investigación sobre o patrimonio etnográfico, lingüístico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico do contorno inmediato dos centros. O certame recolle por segundo ano entre os seus obxectivos a pescuda arredor do coñecemento do léxico patrimonial galego. Segundo establecen as bases do proxecto, de entre todas as propostas presentadas elixiranse dúas, unha na modalidade de ensino primario e outra na de secundario, que serán premiadas con 7.000 euros cada unha.

O premio dedicarase integramente á realización do proxecto, que deberá desenvolverse durante o seguinte ano lectivo, en coordinación co Museo do Pobo Galego, co fin de favorecer a súa posterior exposición. Toda a información pode consultarse en

http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Bases_IXEdicionProxectoDidacticoAntonioFraguas20142015.pdf

Coa súa colaboración neste premio, a través da Consellería, a Xunta quere alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, así como favorecer o coñecemento do medio e contribuír á posta en valor dos máis diversos elementos da cultura galega.

Os proxectos gañadores

Os dous proxectos didácticos que resulten gañadores desta novena convocatoria desenvolveranse durante o curso escolar 2014-2015. Os traballo galardoados na edición anterior foron “Fortes da Guerra da Restauración en Vila Nova de Cerveira e Tomiño, patrimonio inmaterial”, do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián (na modalidade de ensino primario) e “Outear”, o do IES Poeta Añón de Outes (modalidade de ensino secundario), ambos os dous desenvolvidos durante o curso académico 2012-2013 e expostos no Museo do Pobo Galego a finais do ano pasado.

Os traballos didácticos galardoados na traxectoria do proxecto abordaron diversos temas do acervo cultural galego relacionadas, entre outros, co ámbito mariñeiro, coa toponimia, coa fraseoloxía etc.

Fundación Antonio Fraguas

A Fundación Antonio Fraguas naceu ao abeiro do legado e da figura de Antonio Fraguas Fraguas, un dos intelectuais que promoveu a creación do Museo do Pobo Galego, entidade que a Consellería de Cultura e Educación está a apoiar, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, no seu obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos.