Xesús Vázquez Abad preside a entrega das axudas Ventura Figueroa a 24 estudantes de ensinanzas superiores

O conselleiro de Cultura e Educación lembrou que este ano se celebra o 230 aniversario da Fundación Ventura Figueroa e subliñou “o excepcional valor da súa historia institucional en prol da educación en Galicia”

Ven, 28/02/2014 - 18:41
Xesús Vázquez Abad preside a entrega das axudas Ventura Figueroa a 24 estudantes
Xesús Vázquez Abad preside a entrega das axudas Ventura Figueroa a 24 estudantes de ensinanzas superiores

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) o acto de entrega das bolsas que a Fundación Manuel Ventura Figueroa concede este ano a 24 estudantes de ensinanzas superiores. O titular de Educación lembrou “o excepcional valor da súa historia institucional en prol da educación en Galicia que nace no Antigo Réxime e chega a actualidade. Pois cómpre lembrar a Fundación é a máis antiga de España e unha das máis veteranas do mundo.”

Ademais do conselleiro, participaron na entrega das bolsas o reitor da Universidade de Compostela, Juan Casares Long; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o secretario do Padroado da Fundación, Francisco Javier Jorge Barreiro; o Xuíz Protector, Dositeo Rodríguez Rodríguez; e a vogal da Fundación, Adela Rey Abilleira.

Como presidente do Padroado desta fundación o conselleiro fixo entrega destas axudas para o inicio ou a continuación dos estudos universitarios conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou doutor, así como dos estudos oficiais de máster universitario. Ademais, as bolsas ofértanse aos estudantes de ensinanzas superiores, ciclos de grao superior de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, e deportivas de grao superior.

Os beneficiarios foron seleccionados por unha comisión que avaliou criterios como a súa traxectoria académica, o nivel de renda familiar ou a proximidade no grao de parentesco co fundador.

Unha herdanza do patrón

A Fundación Manuel Ventura Figueroa foi creada no ano 1784 -é a máis antiga de España- polos herdeiros de Manuel Ventura Figueroa para dar cumprimento ao seu testamento, onde expresaba a vontade de que o seu patrimonio fose utilizado para dar estudos e dotes aos seus parentes pobres. Nado en Santiago de Compostela en 1708, o patrón foi Arzobispo de Laodicea, Patriarca das Indias Occidentais e gobernador do Consello e a Cámara de Castela. Home de peso na vida política da época, contribuíu á reforma das leis e tivo un papel fundamental na negociación do Concordato coa Santa Sede en 1753.  

Desde o ano 2002, afundación convoca anualmente bolsas para a axuda ao estudo destinadas aos parentes do fundador que cumpran os requisitos esixidos polo Padroado, dando así cumprimento á vontade testamentaria do patrón.