A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración da terceira edición de Edugal, centrada na Formación Dual

No acto interveu o director xeral de Centros e Recursos Humanos que resaltou a aposta do goberno galego polas ensinanzas que relacionan a educación co ámbito laboral
O encontro de 2014 desenvolverase ata este venres no pazo de congresos de Pontevedra
Mér, 26/02/2014 - 13:00
 A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración da terceira edic
A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración da terceira edición de Edugal, centrada na Formación Dual

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria representada polo seu director de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou hoxe pola mañá no acto de inauguración do terceiro III Salón de Educación e Formación de Galicia (Edugal), e destacou a importancia da relación entre a educación e o mundo laboral a través da formación.

O acto, no que tamén participou o director de Edugal, Eduardo Barros, desenvolveuse no recinto feiral de Pontevedra que acolle o encontro ata este venres. Durante a inauguración o representante de Cultura e Educación destacou que “a Formación Dual é unha firme aposta do goberno galego á que a nova lei educativa -a LOMCE- dá o seu respaldo mediante o apoio das iniciativas que realicen conxuntamente centros de formación e empresas. Trátase de que o alumnado logre unha cualificación profesional axeitada, harmonizando os procesos de ensinanza e aprendizaxe coa nosa realidade socioprodutiva. Os estudantes, pois, completan a súa formación nunha contorna laboral, aproveitando as sinerxías entre os centros educativos públicos e as empresas privadas”.

Asemade tamén dixo que “potenciar a FP dual permite achegar a formación ás empresas, logrando que a formación responda ás demandas dos empregadores; fomentado o emprendemento e afondando na relación centro-empresa”.

Público do Edugal 2014

Cómpre recordar que ata o venres Edugal recibirá a todos aqueles que desexen informarse de toda a oferta formativa que nestes momentos se está a impartir en Galicia. Un punto de encontro especialmente dirixido a nais e pais, alumnado de 4º de ESO, bacharelato e FP, a orientadores, profesionais do ensino, centros educativos, empresas e formadores para o emprego. Ademais tamén para aqueles que desexen retomar os seus estudos.

Nesta edición a Consellería de Cultura e Educación apoia, participa e presenta a oferta educativa non universitaria de Galicia a través dun stand, a través da dirección xeral de Educación, Eduemprende. Este espazo contará este ano cun apartado no que se recrea un dos viveiros de empresas que xa están funcionando en distintos centros integrados de FP, e ademais a Consellería achegará a algúns dos emprendedores que están a desenvolver os seus proxectos nestes viveiros para que conten aos asistentes ao Edugal as súas experiencias. Cómpre recordar que nestes momentos xa están en marcha dez viveiros de empresas e proximamente comezarán a funcionar outros sete, todos eles situados en centros integrados de formación profesional e en institutos.

Ademais a tamén estarán presentes varios centros do sistema educativo galego. En concreto, contan con cadanseu stand os IES Torrente Ballester, Luís Seoane e Chan do Monte; o CIFP A Xunqueira; así como as escolas superiores de Arte Dramática de Galicia e de Ben Culturais e o conservatorio de música, Manuel Quiroga. Ademais no salón participan universidades e outras entidades educativas, tanto galegas como do resto de Estado.

Exposición e actividades formativas

Durante estes días o recinto feiral albergará un espazo de stands informativos da oferta de FP, universitarios e outros estudos superiores, así como a de ensinanzas para a aprendizaxe de idiomas, de estudos no estranxeiro, e formación militar. Ademais, o salón ofrece información sobre bolsas, webs especializadas e portais de emprego, así como sobre as posibilidades de aplicación das novas tecnoloxías ao ensino e a aprendizaxe.

A maiores da parte expositiva, o programa de actividades do evento complétase con Formaedugal, relatorios, charlas informativas, obradoiros e debates paralelos á actividade que se desenvolva nos stands. Na xornada inaugural do día 24 o tema abordado serán os cambios en educación, da era industrial á sociedade do coñecemento. Os seguintes días tratarase a orientación educativa e profesional en España e en Galicia, así como a dimensión europea da educación.