Ramón Lorenzo, o Concello de Burela e o Foro Avogados Lugo reciben os “Lois Peña Novo” polo seu compromiso co galego

O responsable de Política Lingüística participou no acto de entrega destes premios, que tivo lugar no castelo de Soutomaior

Mér, 30/06/2010 - 20:45

O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Lorenzo, o Concello de Burela e o Foro Avogados Lugo recibiron hoxe os premios Lois Peña Novo, uns galardóns que teñen por finalidade contribuír á promoción do idioma galego no ámbito da administración pública a través do recoñecemento do traballo desenvolvido por persoas, institucións públicas e empresas privadas ou asociacións.

Na entrega de premios, que tivo lugar no castelo de Soutomaior, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, afirmou que “o recurso escollido polos ideadores desta felicísima e xa institucionalizada iniciativa para o logro dos seus obxectivos consistiu en poñerlle facianas e nomes e apelidos a unha aspiración: a de outorgarlle unha maior presenza ao galego en todos os ámbitos da actividade humana”.

Respecto dos premiados, o secretario xeral recordou que constitúen “persoas e grupos humanos excepcionais polas súas virtudes, tan excepcionais coma aquelas que, hai 85 anos, organizaron o Primeiro Congreso de Economía de Galicia, ou hai case 40, levaron adiante o Primeiro Congreso do Dereito Galego”.

Homenaxe a Victorino Gutiérrez Aller

Ademais da entrega dos premios, a Fundación Lois Peña Novo rendeulle homenaxe a Victorino Gutiérrez Aller, pola promoción da lingua galega durante a súa dilatada carreira profesional como notario en Lalín e como xurista. Do seu traballo, o secretario xeral de Política Lingüística destacou o seu traballo Formulario notarial. Esta obra, ademais de ser a primeira desta natureza publicada en galego, constituíu “unha ferramenta utilísima para favorecer a redacción da actividade notarial na nosa lingua e para incorporala, polo tanto, a novos sectores da vida social”, concluíu Anxo Lorenzo.

Menús News node R