Anxo Lorenzo incide na importancia da transmisión familiar do galego na clausura do curso de Preescolar na casa

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de clausura do curso 2009-2010 da fundación xunto coa secretaria xeral de Familia e Benestar e co xefe territorial de Educación en Lugo

Mér, 30/06/2010 - 19:58
Anxo Lorenzo durante o acto
Anxo Lorenzo durante o acto

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fixo fincapé na importancia de favorecer a transmisión interxeracional do galego durante a clausura do curso 2009-2010 da Fundación Preescolar na Casa, que tivo lugar hoxe en Lugo na Escola Universitaria de Formación do Profesorado.
Anxo Lorenzo salientou a implicación do proxecto educativo de Preescolar na Casa con esta causa, ao que se referiu como “unha importante rede de valoración, extensión e fomento do galego entre as familias”.
Así mesmo, o responsable de Política Lingüística destacou algunhas das iniciativas levadas a cabo pola fundación para motivar a transmisión familiar do galego, como darlles a coñecer ás familias materiais e recursos nesta lingua, elaborar en galego documentación de apoio para os pais e nais ou organizar actividades de animación á lectura no idioma propio de Galicia.

No acto de clausura tamén participaron a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella; o xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en Lugo, José Jesús Ramos; a concelleira de Muller e Servizos Sociais do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o vicepresidente da Fundación Preescolar na Casa, Lois Ferradás; e o director da Escola Universitaria de Formación do Profesorado, Modesto Aníbal Rodríguez.

Durante a xornada de clausura, a fundación presentou os resultados e actividades desenvolvidas durante o curso 2009-2010 e os colaboradores e familias puideron realizar unha avaliación das iniciativas, así como presentar propostas de mellora.

O labor da Fundación Preescolar na Casa

Desde 1977, a Fundación Preescolar na Casa vén desenvolvendo un programa de educación que se realiza integramente en galego e que ten como un dos seus obxectivos prioritarios motivar o uso desta lingua desde os primeiros anos de vida dos pequenos e das pequenas.

Co fin de contribuír a este obxectivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística asinou un convenio de colaboración con esta entidade o pasado mes de maio. A través deste marco de cooperación dáselle continuidade ao programa Preescolar na Casa, un proxecto que busca favorecer a formación dos pais e das nais para axudar a desenvolver plenamente as capacidades dos seus fillos e fillas.