O conselleiro de Cultura e Educación presenta no Gaiás a programación da Xunta para as Letras Galegas 2014, dedicado a Xosé María Díaz Castro

Máis de 100 actividades achegarán o quefacer literario de Díaz Castro ás principais vilas e cidades de Galicia, así como aos centros de estudo e difusión da nosa cultura no exterior
Xesús Vázquez Abad destacou o carácter transversal da programación e expresou o desexo de que esta “implique ao conxunto da sociedade galega”
Edicións conmemorativas, exposicións, estudos críticos, traducións, documentais, actividades de dinamización lingüística e de promoción e difusión da obra diazcastriana, articulan o groso do programa
O titular de Cultura resaltou que na selecta obra de Díaz Castro “a palabra poética é unívoca, transcendente e imprescindible”, e manifestou a necesidade de “difundir o máximo posible” o legado diazcastriano
Ven, 14/02/2014 - 12:30
O conselleiro de Cultura e Educación presentou no Gaiás a programación da Xunta
O conselleiro de Cultura e Educación presentou no Gaiás a programación da Xunta para as Letras Galegas 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a programación promovida pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2014, dedicadas ao poeta e tradutor lucense Xosé María Díaz Castro. Un autor que, en palabras de Vázquez Abad, “legounos un corpus poético elaborado con paciencia, aquilatado polo tempo, admirado polos autores coetáneos e que agora cómpre difundir o máximo posible.” Con motivo desta celebración organizaranse máis de 100 actividades coas que se pretende achegar o quefacer literario do escritor lucense á meirande parte da cidadanía.

Ampliando o anterior, o titular de Cultura destacou que un dos obxectivos da programación presentada hoxe é acadar que “a festa da literatura e a lingua galegas chegue o máis lonxe posible”, coa intención de outorgarlle“un carácter transversal, que implique ao conxunto da sociedade galega, favorecendo a realización de iniciativas desde diferentes ámbitos, dentro e fóra do noso territorio.”

A programación inclúe distintas edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, a exposición itinerante ‘Nimbos de luz’, documentais, webs monográficas, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra diazcastriana nas bibliotecas de Galicia.

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, participaron na rolda de prensa o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido Núñez; o presidente do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; o presidente da Asociación Xermolos, Alfonso Blanco Torrado; o director de produción da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo. Igualmente, estiveron presentes Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, de maneira respectiva.

Audiovisual e novas edicións

No eido audiovisual, a consellería, en colaboración coa CRTVG, promoverá a difusión da obra de Díaz Castro a través da emisión de novos documentais, a programación de microespazos animados con poemas do autor lugués durante todo o mes de maioe a creación dun web monográfico do autor homenaxeado.

No mesmo sentido, no Centro Galego de Artes da Imaxe proxectarase o documental de Xosé Antón Cascudo, ‘O instante eterno’,sobre a vida e a obra de Díaz Castro,así como unha selección de videopoemas de autor, creados a partir de textos do propio Díaz Castro.

Para pechar o capítulo correspondente ao audiovisual, o documental ‘Nimbos de poesía’, de Ophiusa Produtora de Vídeos, biografía audiovisual de Xosé María Díaz Castro, porase á disposición da comunidade educativa no web www.xunta.es/linguagalega.

Por outra banda, no referente á edición conmemorativa realizaranse sete publicacións que enriqueceran o corpus bibliográfico diazcastriano. Trátanse dun libro DVD, en colaboración coa Editorial Galaxia, que ofrece un exhaustivo percorrido pola vida de Díaz Castro e que se distribuirá na Rede de Bibliotecas de Galicia; dun volume monográfico dos Cadernos Ramón Piñeiro titulado Nimbos: cáliz fervendo!; dunha edición institucional conmemorativa da figura de Díaz Castro; da reedición, neste caso en formato de banda deseñada, de Versos guitiricenses. Xosé María Díaz Castro, da Asociación Xermolos; e de dúas traducións ao inglés e o ruso e dunha edición bilingüe ao éuscaro, de Nimbos.  Ademais, levaranse a cabo distintas accións de promoción cultural no ámbito cotián como a impresión de marcapáxinas e calendarios.

Díaz Castro en centros educativos e bibliotecas

No referente aos centros educativos, a consellería convocao “Concurso-Exposición Letras Galegas 2014”, dirixido ao alumnado tanto de primaria como de secundaria. “Os proxectos gañadores deste concurso –explicou Vázquez Abad–editaranse e distribuiranse en preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, levándose a centros de ensino, centros de estudos galegos e lectorados, centros da emigración, bibliotecas públicas, servizos lingüísticos e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.”

Doutra banda, os equipos de dinamización da lingua galega, realizarán diversas actividades centradas na vida, na obra e na etapa sociolingüística na que viviu o autor homenaxeado. “Por suposto –afirmou Vázquez Abad–, as iniciativas dos equipos iranse poñendo á disposición da comunidade educativa no web www.xunta.es/linguagalega/letras_galegas

Á parte do obxectivo principal da promoción preténdese fornecer á comunidade educativa de materiais complementarios ás aulas de lingua galega e literatura.

No caso das bibliotecas, o conselleiro lembrou o papel destes centros como “dínamos de cultura e educación, e dotacións básicas para o desenvolvemento e o lecer.” Neste sentido, o conselleiro explicou que estes centros “promoverán máis de trinta actividades distintas entre exposicións, charlas, talleres, certames, obradoiros, contacontos e recitais, para nenos e maiores durante o vindeiro mes de maio”.

As bibliotecas incluídas son a Miguel González Garcés de A Coruña, as nodais de Lugo e Ourense, a Antonio Odriozola de Pontevedra, a Ánxel Casal de Santiago, a Juan Compañel de Vigo, así como a devandita Biblioteca de Galicia.

As Letras Galegas no exterior

O conselleiro expuxo ás actividades de promoción e difusión da figura de Díaz Castro no exterior, facendo especial fincapé na ampla actividade arredor das Letras Galegas que se está a desenvolver na Galicia exterior, grazas á colaboración e o esforzo das galegas e galegos que, noutras comunidades autónomas ou países, difunden e legan a cultura e a lingua propia.

Concretamente, referiuse Vázquez Abad ao amplo abano actividades de “estudo e difusión da obra diazcastriana” na rede de centros de estudos galegos, que abrangue 38 universidades de todo o mundo; ao acto conmemorativo na localidade vasca na que residiu Díaz Castro, Urretchu; ás distintas traducións e edicións bilingües de Nimbos ao éuscaro, inglés e ruso; e á difusión de materiais como calendarios conmemorativos das Letras Galegas polos distintos centros galegos do resto do Estado.

Vázquez Abad concluíu afirmando que “en Díaz Castro a palabra xorde como custodia de significados que arrequecen a alma das galegas e galegos, como construtora da nosa realidade. Os seus versos, os seus poemas, son nimbos que caracterizan e elevan ao propio autor. Cada texto é unha luminosa peza redonda feita coas palabras axeitadas, nin máis nin menos. Na súa obra lírica a palabra poética é unívoca, transcendente e imprescindible.”